Opinión

Indecencias dos directivos de España

Celébrase en Palexco (A Coruña) o Congreso da Confederación Española de Directivos e Executivos (CEDE)


Celébrase en Palexco (A Coruña) o Congreso da Confederación Española de Directivos e Executivos (CEDE), que preside Isidro Fainé, presidente de CaixaBank. Non serei eu quen se pronuncie en contra da celebración deste tipo de eventos, con asistencia de máis de 1.000 persoas, que deixarán bos ingresos na cidade, nin tampouco da presenza obrigada de representantes institucionais.

Participarán os empresarios máis coñecidos e representantes dos consellos de administración das principais empresas e bancos, e até Carlos Slim. Falarán de enerxía e sustentabilidade, de intelixencia social, de renovación dos valores das empresas e dos seus directivos, etc. Aproveitando a celebración deste congreso, vou difundir algúns datos relacionados con esta xente e as súas empresas. Son algunhas das indecencias que recollo no meu libro Indecencias e corruptelas, que é unha especie de crónicas para indignarse.

Estes foron os ingresos anuais en tempos de crise (2011), dalgúns destes directivos: Pablo Isla (Inditex-Zara), 17,98 millóns de euros; Alfredo Sáenz (Santander), 12,51; Antonio Brufan (Repsol), 10,46; Joaquín Ayuso (Ferrovial), 10,35; César Alierta (Telefónica), 10,27; José Ignacio Galán (Iberdrola), 9,32; Matias Rodríguez Inciarte (Santander), 6,51; Florentino Pérez (ACS), 6; Francisco González (BBVA), 4,98; José Manuel Entrecanales (Acciona), 4,57; Rafael Villasea (Gas Natural), 4,22 millóns de euros.

Estes directivos teñen o futuro asegurado porque para iso gozan duns fabulosos plans de pensións: Alfredo Sáenz, conselleiro delegado do Santander, indultado polo Goberno de Zapatero, marchaba para casa en abril de 2013 cun plan de pensións de 88,1 millóns de euros. Francisco González, presidente do BBVA, recibiu 79,77 millóns en concepto de pensión e aínda segue activo. José Ignacio Goirigolzarri cobraba unha pensión de 68,7 millóns cando deixa a dirección do BBVA para presidir Bankia. Matias Rodríguez Inciarte, do Santander, ten unha pensión acumulada de 55,9 millóns de euros.

No ano 2010 as compañías do IBEX-35, que agrupa as principais empresas, gañaron 50.000 millóns de euros, un 21% máis que o ano anterior

Por outra parte, o informe Lucha contra el Fraude Fiscal en la Agencia Tributaria, elaborado polo sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda, sinalaba que estas grandes fortunas e as grandes empresas defraudaron 42.711 millóns de euros a Facenda, é dicir, o 71,88% do total do fraude no Estado.

Aparecen con frecuencia e con grandes titulares os salarios dos alcaldes das sete cidades galegas, pero non se difunde que cos 68,63 millóns de euros que recibiron cinco directivos das caixas galegas, cando marcharon para casa, poderían pagarse durante 170 anos os salarios deses alcaldes.

Tampouco falarán os medios de comunicación nestes días dos escandalosos e indecentes beneficios, en tempos de crise, dalgunhas empresas e dos bancos. No ano 2010 as compañías do IBEX-35, que agrupa as principais empresas, gañaron 50.000 millóns de euros, un 21% máis que o ano anterior. No ano 2009 o Santander tivo uns beneficios netos de 8.493 millóns de euros e 4.210 millóns o BBVA.

Non falarán das SICAV (Sociedade de Investimento de Capital Variable), ese marabilloso invento para que os ricos paguen menos impostos

Neste congreso non falarán de que para manter os beneficios dos bancos, os ingresos e pensións  millonarias dos integrantes dos seus consellos de administración, o Estado –é dicir, todos nós a través dos nosos impostos– tivo que acudir ao rescate deses bancos con máis de 100.000 millóns de euros, que non devolverán nunca.

Non falarán das SICAV (Sociedade de Investimento de Capital Variable), ese marabilloso invento para que os ricos paguen menos impostos. Con patrimonios de centos de millóns de euros, que aumenta 236.000 euros cada día, teñen unha rendibilidade do 9,6% e tributan ao 1% no imposto de sociedades, fronte ao 30% das grandes empresas e o 25% da pequenas e medianas. 

Non falarán da política de “portas xiratorias” dos ex-presidentes de goberno e ex- ministros, que permite colocar a Felipe González no consello de administración de Gas Natural-Fenosa e a José María Aznar en Endesa. Pedro Solbes estivo en Enel, empresa italiana que ten o 92% de Endesa; Elena Salgado fichaba por Chilectra, filial chilena de Endesa; Luis Atienza en Red Eléctrica; Narcís Serra en Caixa Catalunya, Cristina Garmendia en Cotec, todos eles socialistas exemplares. Os ministros do PP tamén buscaron acomodo: Ángel Acebes en Iberdrola; José María Michavila en JP Morgan; Isabel Tocino e Ana Palacio en Enagas etc.

Falarán dun capitalismo máis humano e de sostenibilidade, pero non das 1.300 traballadoras e traballadores, asasinados en Bangladesh o 24 de abril de 2013 polo derrubamento dun edificio de oito plantas no que traballaban máis de 3.000 persoas

Falarán dun capitalismo máis humano e de sostenibilidade, que está no programa, pero non das 1.300 traballadoras e traballadores, asasinados en Bangladesh o 24 de abril de 2013 polo derrubamento dun edificio de oito plantas no que traballaban máis de 3.000 persoas. Fabricaban roupa para multinacionais cuns salarios semanais de 30 euros por 55 horas de traballo. Os empresarios sabían que o edificio estaba en ruína, avisaron a véspera de que había gretas, pero non fixeron nada.

Non se vai falar neste congreso de que en tempos de crise os ricos cada vez son máis ricos e os pobres cada vez máis pobres. Segundo un informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, a finais de 2013 había en España 12,88 millóns de persoas en risco de pobreza ou exclusión social, é dicir o 27,3% da poboación. Un informe de Cáritas dese mesmo ano, sinalaba que había tres millóns de persoas en pobreza severa, é dicir, con menos de 307 euros ao mes. Como contraste, as 20 persoas máis ricas do Estado español teñen unha fortuna que supera os 80.000 millóns de euros, equivalente aos ingresos do 20% da poboación máis pobre (9,5 millóns de persoas). 

Non van falar de nada disto neste congreso, pero que saiban que nós non esquecemos.

Comentarios