Sándalo e macasar, o ouro verde destas illas durante centos de anos. Macasar, ese porto da Indonesia onde se adquirían os produtos para fabricar un óleo utilizado polos homes como reparador capilar. Os dous produtos formaron unha base comercial complementar e surtiron as boutiques da Europa, sendo, en palabras de Rui Cinatti dos produtos máis procurados de todo o Oriente, “e tão suspirada da ambição da Holanda, que por muitas vezes importunou o rei de Macassár, para que só com ela fizesse contrato”.
Para todo tipo de cabelo
De todos os produtos utilizados para arranxar e fixar o cabelo, o aceite de macasar foi o máis popular. Fabricado cunha mistura de aceite de coco, de palma e un aceite de algunhas flores denominadas "ylang-ylang", amplamente difundido a través de anuncios nos xornais da época, prometía "fortalecer e facer medrar o cabelo, así como arranxalo e darlle forma".
O aceite de Macasar obtense das sementes dunha árbore chamada kusum, que algúns denominan tamén carballo de Ceilán. O aceite extraído desta planta utilízase para a limpeza do cabelo. Durante a época vitoriana foi moi usado polos homes como acondicionador do cabelo.
Na literatura, na imprensa podemos documentar facilmente a popularidade deste produto. Faino Lord Byron, no seu Don Juan, cando advirte que “en virtude, nada desta terra a podía superar; aforra o teu aceite incomparábel, Macassar!" Tamén Balzac pon en boca de César Birotteau, perfumista enriquecido polas súas descubertas, máis dunha ducia de referencias ás marabillosas propiedades do macasar.
Pardo Bazán, en Misterio, preséntanos a operación de “desflecar una trenza, cuyos hilos cobrizos, olorossos a aceite de macasar, se le enredan entra las uñas” e nos seu Relatos cómicos Allan Poe cóntanos como vende rabos de gato preparados con aceite de macasar.
Galiza non ficou allea a estas modas. O periódico La Oliva. Periódico de literatura e intereses materiales, oferece, na súa edición de 10 de decembro de 1856, un anuncio sobre este produto e El avisador, periódico coruñés, anuncia, na súa edición de 28 de novembro de 1863, entre os artigos “acabados de recibir de París” tarros de aceite de Macasar a 1 y 2 rs. Uno” e repite o anuncio, polo menos, nos dez números seguintes.
Apareceu a necesidade de pór sobre cadeiras e butacas, na casa, nos teatros, nos asentos das carruaxes, nos camiños de ferro, o antimacasar
El Correo Gallego, de Lugo, 1 de febreiro de 1861, anuncia a Libraría de Soto Freire como a única casa da provincia que ofrece perfumaría inglesa, entre outros “Polvos de hojas de rosas”, a pomada “Ramilletes de la emperatriz” e, tamén “Perlas de Macasar”
O antimacasar
Como o macasar chegou a ter tanto uso, e manchaba tanto, apareceu a necesidade de pór sobre cadeiras e butacas, na casa, nos teatros, nos asentos das carruaxes, nos camiños de ferro, o antimacassar; un trozo de tecido que absorbía as manchas de aceite que deixaban as cabezas e evitar así denegrir as telas, como refere Pérez Galdós, en Ángel Guerra; “El sofá y los sillones no podían en rigor carecer de los antimacasares de rosetas de crochet, blancas con motita roja en el centro."
Aínda que a palabra máis común para designar esta tela é antimacasar tamén se acabou chamando da mesma maneira o obxecto que manchaba e o que protexía: macasar. Así, en catalán (Peça generalment quadrada de roba, de filat, de ganxet, etc., que es posa com a adorn al respatller d'una cadira o sofà) e con ese significado atopámolo entre os obxectos que se mostran nunha Exposición Agrícola, Artística e Industrial en Colombia en 1919. Na sección “Sastrería” topamos “Un macasar presentado por la señorita Raquel Serralde; en “Tejidos” Un macasar, bordado en raso blanco”, por Sixta Tulia Pazos e outro por Raquel Serralde.
Este texto viu a luz por vez primeira no Sermos180