Inaugúranse as 'lianghui', o maior evento político do ano na China

Nexta sexta feira, 22 de maio, darase a coñecer o dato de crecemento previsto polo xigante asiático para 2020.
ccppc
photo_camera Xuntanza da CCPPC na quinta feira, 21 de maio (Ding Lin / Xinhua / Europa Press)

A reunión anual da Conferencia Consultiva Política Popular da China (CCPPC) comezou onte, coa participación de 2.057 delegados, tras o adiamento previo do encontro por causa da pandemia, informou a prensa estatal.

A CCPPC prolongarase até a vindeira cuarta feira e solaparase co Congreso Nacional do Pobo, a sesión anual do Parlamento chinés. Os dous encontros, coñecidos como lianghui ("dúas xuntanzas", en mandarín), conforman o maior evento político do ano na China.

As lianghui tiñan previsto comezar no 5 de marzo, mais as autoridades decidiron adiar a convocatoria como medida de precaución polo coronavirus. O país rexistrou só uns poucos casos ao día nas últimas semanas, aínda que se detectaron algúns brotes na provincia de Jilin, situada no nordeste, na fronteira con Rusia e con Corea do Norte.

Do total de 2.151 delegados da CCPPC, acudiron á reunión inaugural no Gran Palacio do Pobo de Beijing 2.057 representantes, segundo informou a axencia de noticias Xinhua.

A reunión iniciada onte contou coa asistencia do presidente chinés, Xi Jinping, e doutros membros da Executiva do Partido Comunista da China (PCCh).

A maioría dos delegados, agás os membros da Executiva do PCCh, asistiron con máscara de protección, segundo se puido observar nas imaxes difundidas pola cadea estatal CCTV.

Dato de crecemento

O día máis importante das "dúas xuntanzas" é a xornada inaugural da sesión parlamentaria, que se desenvolverá hoxe e onde se agarda que o primeiro ministro chinés, Li Keqiang, anuncie o dato do crecemento económico previsto para 2020. 

A economía chinesa sufriu unha caída de 6,8% no primeiro trimestre do ano como consecuencia das restricións impostas pola pandemia.

Comentarios