"É importante que os medios debuxen o campo para que outras persoas se animen a vir"

Pilar Bispo é agricultora. Traballa a súa horta e conta cun posto na Praza de Abastos de Compostela, A Casa da Quenlla. É subscritora de Sermos Galiza e apoia o proxecto desde o comezo. "Tedes moitas cousas e moi variadas", sinala.

contraPilar
photo_camera contraPilar

O seu proxecto agroecolóxico ocupou unha contra-capa no semanario Sermos Galiza en xullo de 2012 e afirma que o agro debe tomar parte das páxinas da imprensa. "É importante debuxar o campo para que outras persoas se animen a vir", subliña. O seu non é un traballo de 8 horas --embora no inverno a horta dea algo de descanso, por iso salienta que non ten moito tempo para nos ler. 

Estamos a piques de facer dous anos, cales cres que son os erros e acertos deste tempo percorrido?
Na Praza non teño moito tempo para vos ler mais coido que non tedes tantos fallos. Facédelo bastante ben. Tedes moitas cousas e moi variadas. 

Traballas na horta e contas cunha tenda de agricultura ecolóxica, A Casa da Quenlla. Que coidas que precisa o agro deste país?
Máis apoio financeiro, sobre todo para a xente que comeza, senón o que fai é hipotecarse. Ademáis, precisamos un pouco máis de divulgación, non só cos técnicos de Extensión agraria. Hai que falar máis cos agricultores.

Como podemos contribuír os medios de comunicación?
Tedes pouco que facer, mais tamén é importante debuxar o campo para que outras persoas se animen a vir. Tedes moito que contar á xente nova. Failles falla información. Están afeitos a un traballo de 8 horas e a teren tempo para ir tomar unha caña, mais para iso no campo non hai tempo. Hai que lles dicir que posibilidades no rural hai, que non nos fai falla moito diñeiro para vivir, mais fai falta un proxecto e financiamento. Ten que haber algo detrás. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios