Opinión

O impacto social da pandemia

A Enquisa Coxuntural aos Fogares do 4º trimestre do ano pasado deixa en evidencia as graves consecuencias sociais por mor da crise económica. que leva aparellada a pandemia do covid-19. Nada menos que un 47,98% das familias teñen dificultades para facer fronte aos gastos esenciais, ao que hai que sumar un 9,99% con moitas dificultades. Ou sexa que a maioría dos fogares na Galiza, un 57,48%, ten problemas para chegar a final de mes. A porcentaxe é 11,74 puntos máis alta que un ano antes. E no caso concreto das familias que teñen moitos problemas para chegar a final de mes, pasouse do 4,76% ao 9,99%. Máis que se dobrou! E isto malia a medidas paliativas como os ERTEs e o Ingreso Mínimo Vital, o que amosa que hai importes sectores da sociedade con problemas, mesmo como consecuencia do covid-19, que non se teñen en consideración nas axudas públicas.

Asemade, a enquisa aporta outros datos, en relación coa tipoloxía do fogar e o tipo de concello, que convén termos en conta. As familias unipersoais son as que teñen máis problemas para chegar a final de mes (70,15% do total), seguidas polas monoparentais (64,5%), e as parellas con fillos (57,08%), mentres que as parellas sen fillos son as que se atopan mellor situadas (cun 44,74% con algunha ou moita dificultade). O que deixa en evidencia que os fillos/as representan un custe económico engadido para as familias, e que ademais, sendo unha contribución para o futuro da sociedade deberían existir maiores axudas económicas e medidas de apoio que compensaran este gasto extra.

Outro aspecto que resulta chamativo é que, cando se relaciona o grao de dificultades dos fogares para chegar a fin de mes en función do hábitat, segundo o número de habitantes do concello, a porcentaxe máis negativa atopase nos municipios de entre 10.000 e 20.000 habitantes, onde atinxe un 63,2% do total das familias que teñen algunha ou moita dificultade. Mentres que nos concellos con mais de 50.000 habitantes (as cidades) a porcentaxe é do 55,1%. As diferenzas non son tan fortes como as que existen respecto da tipoloxía do fogar, porén  non deixan de ser ilustrativas de que a maior protección familiar do mundo rural non é produto dunha situación económica desafogada, senón do tipo de relacións humanas dunha sociedade menos globalizada e neoliberal.

Estes datos tamén reflicten que a pobreza medrou máis rapidamente durante a pandemia que o aumento do desemprego, o que deixa en evidencia a existencia condicións laborais previas moi precarias (contratos eventuais, xornadas laborais menores das desexadas, horas extras non cotizadas, falsos autónomos/as, baixos salarios, etc). Así como, que os gastos esenciais absorben gran parte dos ingresos, como son: comida, alugueiros, telefono, luz, transporte, etc. Daquela que as medidas de axuda decididas polo Governo foran insuficientes, ao que se debe sumar, que a xestión foi deficiente por falta de persoal, polo que houbo familias que tardaron meses en recibilas.

A maioría dos fogares na Galiza, un 57,48%, ten problemas para chegar a final de mes

Agora ben, para alén das criticas que se podan facer a como se xestionou o tema, tampouco se pode considerar “normal” que unha parte importante da solidariedade estea en mans de organizacións humanitarias e relixiosas, cando esta tarefa debería ser parte esencial e exclusiva dos governos. Un aspecto que resulta preocupante cando crea dependencia, estas entidades realizan proselitismo, e ademais reciben importantes axudas públicas. Daquela que teña tanta prioridade o debate do contexto global, da relación entre o modelo económico e a xustiza social (ou sexa dun reparto xusto e solidario do traballo e da riqueza producida).

Neste último aspecto axudarían moito, como primeiro paso, dado a súa urxencia: a derrogación da reforma laboral, da Lei Mordaza, e do artigo 315.3 do CP, que favorecen á patronal na negociación colectiva e no descolgue dos convenios, reducindo a participación da clase traballadora no PIB en beneficio das rendas do capital, e limitan a mobilización sindical. Tamén é necesario no ámbito laboral subir o salario mínimo interprofesional até o 60% da media dos ingresos salariais, como esixe a Carta Social Europea, así como contar cunha fiscalidade equitativa e uns servizos e prestacións públicas sólidas (sanidade, ensino, pensións, dependencia, desemprego, etc.). 

A pobreza medrou máis rapidamente durante a pandemia que o aumento do desemprego

A Unión Europea e o Estado español marcanse nesta etapa como prioridade a recuperación do tecido produtivo, a costa de aumentar a hipoteca das futuras xeracións. Unha hipoteca que tería sentido social, non para volver a un pasado de desigualdade, senón para construír un novo sistema económico e social autocentrado, sustentábel e redistributivo, ao que axudan os grandes avances científico técnicos. Un modelo que busque permanentemente un equilibrio coa natureza, evitando a desfeita ecolóxica e a rápida propagación das pandemias, como consecuencia da estrema mobilidade de obxectos e persoas, o amoreamento urbano, a destrución militar, o crecemento demográfico, etc. Un modelo que garanta a soberanía nacional e a democracia popular. https://obloguedemera.wordpress.com/