Imprimir

O impacto da minaría, ao descuberto

X.M.P. | 16 de febreiro de 2019

Imaxe: @anton_escuredo
Imaxe: @anton_escuredo

Catorce plataformas de Galiza, España e Portugal partillan experiencias e loitas en Compostela sobre os proxectos megamineiros e como afectan e impactan alí onde se desenvolven.

O novo 'boom' mineiro que atravesa a Península Ibérica é unha ameaza fronte á que cómpre intercambiar experiencias e articular propostas entre as persoas dos territorios afectados ou ameazados. Efectos ambientais, sociais e económicos sobre as comunidades onde se desenvolven, e tamén efectos sobre a saúde e o desenvolvemento; son algunhas das concecuencias deses proxectos.

 

Compostela acolle esta fin de semana o IV Encontro de ContraMINAcción, unha cita na que se partillan experiencias e ideas para facer fronte a un modelo de explotación económica e desenvolvemento que se contrapón aos intereses da veciñanza que habita esas zonas. A propia organización afirma que un dos obxectivos principais deste evento é “visibilizar as dimensións do boom mineiro na Península Ibérica”, así como “tecer redes entre os colectivos que se enfrontan á minaría insostíbel, destrutiva e produtora de refugallos” dentro e fóra de Galiza.


Catorce plataformas de Galiza, Portugal e España asistiron a esta cuarta edición. Falouse dos impactos destes proxectos en zonas como O Pino e Touro, Sierra de Yemas (Ávila), Cova de Barroso (Portugal), entre outros. De como sobre Extremadura hai peticións de 230 proxectos mineiros. Voces de diferentes territorios que non só denuncian o perigo e ameaza destes proxectos senón que tamén traballan sobre as alternativas para frealos. En Galiza están 10% das explotacións mineiras en activo no Estado español, 360.


Este IV Encontro deseñou un programa de actividades abertas de acceso libre para toda persoa que queira participar. Así o sábado 16 de febreiro, desenvólvense tres mesas redondas no Museo do Pobo Galego: “Un regueiro de desastres contaminantes”, “Novo boom: a febre polo ouro e outras febres” e “Daquela que? Hai alternativas”. O domingo 17 de febreiro, asistiremos á estrea do documental “San Finx: a catástrofe de 1960”, dirixido por Irene Pin Basanta, que se proxectará na Casa do Matadoiro (praza do Matadoiro) a partir das 10:00 horas, tamén en Compostela.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/impacto-da-minaria-ao-descuberto/20190216161814076167.html


© 2020 Nós Diario