Opinión

Imos camiño dunha xornada de loita?... dunha folga nacional?

A mobilización laboral para frear retrocesos e conseguir avances é cada vez máis intensa. Neste aspecto non se poden obviar convocatorias unitarias, como a protesta en Ferrol contra o xuízo a López Pintos, o pasado 30 de outubro, e a manifestación que se fará nesta cidade o 28 de novembro a prol de políticas sociais e de re-industrialización. E outras accións de protesta, como as que está a realizar o ensino público galego, que ademais convoca unha folga nacional para o vindeiro 12 de decembro pola “recuperación horaria”. A estas protestas hai que sumar as mobilizacións en Alcoa tanto na Coruña, como a masiva manifestación en Viveiro, e as marchas e paro en As Pontes para esixir alternativas ao desmantelamento previsto da central de Meirama. Así como as concentracións e manifestacións en Vigo contra o peche de Vulcano e Barreras, as esixencias do persoal de Unitono en Ourense para evitar o despedimento de 400 traballadoras/es, etc.

A conflitividade laboral afecta ao sector industrial, profesorado, sanidade, telemarqueting... ou sexa: ten un carácter moi amplo, e destaca a alarma polo futuro do sector enerxético e naval. Neste último caso mesmo afecta a empresas como Navantia, que carecen de carga de traballo para os vindeiros dous anos. No ano 2016 realizáronse na Galiza 1.059 mobilizacións por cuestións laborais ¡preto de tres cada día!, 238 por temas políticos, 112 vinculadas co ensino e 57 coa violencia de xénero. Os medios de comunicación trataron a maior parte destas protestas laborais dun xeito anecdótico, en poucas ocasións déronlle relevancia, agás cando afecta os intereses do capital, por exemplo no peche de certas empresas. Coa evidente intencionalidade de evitar a súa difusión, de impedir que servisen de exemplo, de que non diferenciar as estratexias de cada central sindical.

A nación galega atopase diante dunha situación preocupante, que afecta especialmente o sector industrial e agrario

A nación galega atopase diante dunha situación preocupante, que afecta especialmente o sector industrial e agrario. Unha tendencia negativa que se pretende agochar co medre dalgúns dados macroeconómicos, que son analizados illadamente polos medios sistémicos, como é o caso do PIB e do emprego. Esquecen a propósito que a fuga de capitais é moi superior á entrada, e que cada vez é maior o emprego xerado a tempo parcial. Asemade, a estes aspectos negativos habería que lle sumar: o aumento dos contratos temporais e súa estrema rotación, os falsos autónomos/as, que a xornada real non deixou de medrar e os salarios seguen perdendo capacidade adquisitiva. Ao que cómpre engadir os condicionantes negativos sobre a negociación colectiva e a acción sindical, como consecuencia das reformas laborais do PSOE e PP, a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal.

Por se non abondase co anterior: a creación de emprego está devecendo. Un feito moi grave, cando aínda non atinxiu as cifras anteriores á chamada crise. Esta en realidade é un axuste entre clases e territorios, que non rematou, xa que se trata dun aspecto consubstancial co capitalismo, que a globalización neoliberal e a correlación de forzas actual potencia. Un dado, a parte que corresponde aos salarios no PIB galego baixou do 47,52% no ano 2008 ao 42,69% unha década despois. Isto tradúcese en varios miles de millóns de euros máis en beneficio do gran capital, que en boa medida repatria ou inviste no exterior. Un reparto inxusto da riqueza producida, baseado na precariedade e baixos salarios, en moreas de horas extras polas que non se paga e cotiza, un marco que empurra á emigración a unha boa parte da mocidade. E, como consecuencia engadida, menores ingresos no sistema da Seguridade Social, poñendo en perigo as pensións, unha demografía en retroceso, a povoación avellentada, e máis do 20% das familias por debaixo da liña de pobreza.

A mobilización sempre axuda a que se concreten e se aceleren as solucións, xa que empurran ás institucións e patronal 

Neste contexto que estea en perigo o sector naval, as industrias electro-intensivas, e manter a capacidade de produción de electricidade, non é unha cuestión menor, porque son sectores dos que se derivan outras actividades subsidiarias que multiplican o emprego. Ficamos nunha conxuntura que é clave para Galiza. Polo tanto non se entende que en certos conflitos que son estratéxicos, como é o caso dos estaleiros, como Vulcano e Barreras, por poñer dous exemplos, nos que CCOO e UGT teñen ampla maioría nos comités, estas centrais teñan unha actitude tan pasiva. Realizan mobilizacións menoers, en boa medida forzadas pola CIG, deixando pasar o tempo, e especulando con solucións que non dan chegado. Evidentemente non ignoran que a mobilización sempre axuda a que se concreten e se aceleren as solucións, xa que empurran ás institucións e patronal para que teñan unha actitude máis dialogante e disposta a aceptar o que de principio considera cesións. E tan grande o derrotismo? Se non fose así, sería lóxica unha mobilización comarcal, mesmo un paro.

Por outra banda, que estes estaleiros e outras fábricas en crise, se convertesen en empresas públicas sempre sería a mellor solución. Máxime cando, máis unha vez, fica demostrado que a propiedade privada non garante unha boa xestión, que este sempre foi un relato falso que se propaga interesadamente pola patronal, partidos neoliberais e medios sistémicos. Por que non se fai máis énfase neste tema por parte dos comités?

A actitude de CC.OO. e UGT contrasta coa postura da CIG que está impulsando ou apoiando a mobilización na inmensa maioría dos conflitos laborais. Unha exclusividade que sendo un merito, sería esencial que estivese compartida, xa que fortalecería a postura da clase traballadora. Todo indica que a central nacionalista busca que estas loitas de sector e empresa terminen converxendo. Poñendo deste modo en primeiro plano que se trata fundamentalmente dun problema político: do tipo de sistema económico e social e do papel que cada nación cumpre no Estado español. Trataríase polo tanto de dar un salto cualitativo, de conseguir coas mobilizacións nacionais,  ás veces precedidas por protestas de ámbito comarcal ou/e sectorial, para que as accións reivindicativas non fiquen reducidas a feitos casuais e localizados. Trataríase de dar pulo á solidariedade obreira, para mudar a correlación de forzas e aumentar o nivel de conciencia nacional e de clase.

Todo fai pensar que imos camiño dunha maior conflitividade laboral e social, e de mobilizacións máis contundentes 

En resumo, todo fai pensar que imos camiño dunha maior conflitividade laboral e social, e de mobilizacións máis contundentes por parte da CIG no futuro inmediato, tendo en consideración a tendencia actual (sumaranse outras centrais, aínda que sexa a regañadentes?). Coido que entre estas accións poderían estar: unha manifestación nacional, ou unha xornada de loita, ou mesmo unha folga xeral. Tampouco se pode desbotar que se dean como parte dunha campaña, ou proceso, todo este tipo de medidas reivindicativas, así como peches e outro tipo de accións. Que así fose, que se deran as condicións necesarias obxectivas e subxectivas, implicaría un salto cualitativo e colocar de novo en primeiro plano a explotación e opresión. Na nosa nación existe unha interdependencia moi grande entre estas dous conceitos, entre estes dous xeitos de apropiación do traballo realizado.

A política non comeza e remata nas institucións, aínda que haxa meses que o monopolizan todo. A patronal non protesta, por algo será. Se a acción reivindicativa e a loita das ideas estivesen reducidas ao ámbito institucional, sen ignorar a importancia que este ten, estaría morto calquera proceso de transformación a prol da liberación nacional e social.