Opinión

As imaxes do patrimonio

Este é o nome do certame que, desde hai tres anos, convoca a Asociación Cultural e Pedagóxica “Ponte nas ondas”. O obxectivo, como din as bases, é recuperar e pór en valor as fotografías con valor patrimonial para utilizalas como recurso didáctico e poñelas en coñecemento do público en xeral.

Cando decidimos promover a participación do noso alumnado, non nos decatamos de que acababamos de poñer en marcha un pequeno sismo da memoria que deveu ponte de unión entre xeracións. A cousa é que os “deberes” convertéronse en conversas cos avós e as avoas, que rescataron da escuridade imaxes grandes e pequenas que gardaban coma ouro en pano, para non esquecer o tempo que foi.

Horas de conversa que reconstrúen a historia do século XX, a historia do pobo. Un pobo que traballa e que festexa, que mantén vivas vellas tradicións que de certo teñen orixe pagá, por máis que hoxe se celebren nun adro. As imaxes retratan as romarías, as reunións dos veciños para as esfolladas, as matanzas ou as feiras do gando. E tamén nos falan da emigración, dun pobo que se repartiu de América a Europa e gardou un momento da viaxe nun barco ou o retrato anual da filla que os pais levaban canda si para Alemaña. Un camiño que non sempre tivo retorno e converteu a frase viúva de vivo en eufemismo de familia abandonada deste lado do Atlántico, ou deixou alá, en Arxentina, curmáns que se uniron á loita dos pobos americanos até ficar os seus nomes nas páxinas das enciclopedias.

A rapazada atopouse co seu pasado e descubriu como vivían ou que ideas tiñan os seus devanceiros, a memoria familiar adormecida ou oculta saíu á luz porque un adolescente preguntou quen estaba na imaxe, que facían alí, como viviron, como eran.

Ás veces poñemos en marcha un mecanismo sen nos apercibir de que talvez iso que fixemos é tan só a engrenaxe máis pequena dunha maquinaria meirande que bombea sangue nos nosos corazóns. E cando nos decatamos do resultado, da satisfacción que senten, só cabe unha palabra: grazas.

Comentarios