Opinión

Illa

Querida María, querido Martxelo, espero que conseguirades descansar un pouco nestes días tan axitados e difíciles. Por se non tiñamos bastante coa pandemia e as diversas crises locais a insurrección trumpista nos Estados Unidos engadiu un plus de complexidade a un escenario preocupante e complicado de xestionar.

A pesar de todo, aquí as eleccións seguen centrando o debate, aínda que non está nada claro que poidan ter lugar o 14 de febreiro. Como xa pasou nos vosos países talvez a situación sanitaria obrigará a reformular a data. Creo que este é un debate que se ten que abordar con serenidade e cos datos na man, así que non especularei.

Os últimos días houbo dúas grandes noticias electorais en Catalunya. A principal e sen dúbida a máis importante, como xa sinalas ben, Martxelo, é a decisión do PSOE de enviar de candidato a Salvador Illa. Illa representa a ala máis dereitista e españolista do PSOE pero é tamén un negociador experto, que precisamente se foi a Madrid para manexar as relacións entre os partidos independentistas e A Moncloa. Agora algúns cren que Illa, desde a omnipresencia mediática podería provocar incluso o triunfo do PSOE o 14-F. Cousa que a división entre Junts e ERC faría posíbel, como fixo posíbel a vitoria pírrica de Cidadáns en 2018.

Agora algúns cren que Illa, desde a omnipresencia mediática podería provocar incluso o triunfo do PSOE

A segunda noticia é que houbo un impulso grande da candidatura de Junts que, combinada coa noticia de Illa, fai que no canto da clara vitoria que todos esperabamos ver dos de Junqueras agora teñamos que falar dun empate a tres por arriba, empate que as enquisas xa detectan. Junts soubo unir ás súas ao redor formacións como os democristiáns de Demòcrates ou os socialistas de Moviment d'Esquerres e converteu a recollida de avais nun circuíto de forza que lle saíu ben. Necesitaba cinco mil sinaturas, porque se presenta como un partido novo, e recolleu 52.000. Así que é evidente que arrincará moi forte tamén a campaña.

Comentarios