Illa advirte de que virán aínda seis meses "complicados"

Tocarán "seis meses complicados" até que haxa vacina ou tratamento para a Covid-19, asegurou onte o ministro Salvador Ila. O titular de Sanidade descartou un confinamento como o da primavera pero deu por seguro que se tomarán medidas "cirúrxicas en períodos curtos" e en función da situación en cada territorio. 
O ministro Salvador Illa, entrando no Congreso xunto á vicepresidenta Carmen Calvo (Foto: Pool / Bernardo Díaz )
photo_camera O ministro Salvador Illa, entrando no Congreso xunto á vicepresidenta Carmen Calvo (Foto: Pool / Bernardo Díaz )

Virán medidas "cirúrxicas en períodos curtos" e por territorios (en función da situación epidemiolóxica en cada un deles), anunciou esta sexta feira, 16 de outubro, o ministro de Sanidade español, Salvador Illa, ao tempo que descartou un confinamento como o da primeira onda da Covid-19, apuntando de cara ao futuro máis ben a medidas periódicas dirixidas a cortar a cadea de contaxios ou a "mantelos en niveis razoábeis". Iso si, Illa recoñeceu que esas medidas "cirúrxicas" comportarán sacrificio.

Desta maneira quixo avalar as restricións aplicadas pola Generalitat de Catalunya coas que bares e restaurantes puxeron o fecho desde esta sexta por un mínimo de 15 días. 

6 meses duros até a vacina

O ministro sinalou que aínda quedan por diante "cinco ou seis meses complicados" de convivencia coa pandemia. "Vén un período longo de tempo até a vacina ou tratamento" en que se deberán tomar medidas, así como durante os meses seguintes á súa chegada, durante o tempo que se tarde en distribuírse. Illa explicou que a Unión Europea asinou tres contratos con empresas que "están a elaborar diferentes tipos de vacinas que se repartirán equitativamente cando pasen os filtros de seguranza".

O ministro aventurou que a principios de 2021 comezará a vacinación dunha porcentaxe efectiva da poboación e que "a situación será de máis normalidade", aínda que destacou que o escenario que se deseñe será europeo e que até que estea vacinada máis xente no mundo, seguirá habendo precaucións. 

Illa tamén explicou que está a traballar coas autonomías nun borrador para precisar "os niveis nos que se debe actuar", coa fin de evitar confrontos como os vividos co Goberno de Madrid para fechar a capital española.  

Coinfección: gripe e Covid

Sanidade alertou nunha nota dun aumento de mortalidade en pacientes de risco coinfectados de Covid-19 e gripe. A mortalidade pode duplicarse neses casos, di Sanidade, que recomenda a vacina antigripal ás persoas que superaron ou padecen o coronavirus e pertencen aos grupos priorizados por risco na campaña deste ano. 

Comentarios