'Identidades e afectos patrios' de Ramón Villares, mellor ensaio da década segundo o Premio Mondoñedo 10

A compilación de ensaios Identidade e afectos patrios (Galaxia, 2017) indaga “no proceso de creación e bloqueo da identidade galega e na formación dunha narrativa de Galiza como nación cultural”. Conforma ademais o mellor ensaio galego da década segundo o xurado do Premio Mondoñedo 10 e é obra do historiador Ramón Villares (Xermade, 1951).
ramón villares
photo_camera O historiador Ramón Villares. Foto: AELG.

O volume de Villares impúxose a unha ducia de finalistas, entre os que se atopaban obras como Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais, 2012), de Ramón Nicolás; Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (AS-PG, 2013), de Francisco Rodríguez; Galiza, um povo sentimental? (Através, 2015), de Helena Miguélez-Carballeira, ou Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (Galaxia, 2017), de María Xesús Lama.

identidade e afectos patrios - ramón villares (cuberta)Foi finalmente Identidade e afectos patrios o elixido, un libro cuxo obxectivo confeso é “descubrir valores, prácticas e símbolos que cohesionan unha comunidade, de modo que importan menos os feitos históricos e máis os procesos de construción deses símbolos e valores”.

O xurado do premio -que convoca a asociación As San Lucas, o Colectivo Mondoñedo É e o propio concello- compuxérono Antonio Reigosa (presidente, sen voto), cronista oficial de Mondoñedo; un vogal designado polo Consello da Cultura Galega; outro pola Real Academia Galega; outro pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega; outro pola Asociación Galega de Editoras; outro polo Instituto Galego de Historia; outro pola Facultade de Humanidades de Lugo (USC) e outro polo Concello de Mondoñedo. Actuará como secretario (sen voto) Fran Bouso.

Villares recibirá o galardón o domingo 20 de outubro en Mondoñedo.

Comentarios