Houdini contra unha oposición que busca líder

A estrea de Gonzalo Caballero como líder socialista na sesión de control ao Presidente da Xunta remata coa ilusión de que, a un ano das galegas, existe unha alternativa ben cimentada ao goberno popular. Feixoo avanzou as liñas de ataque que despregará durante o último curso da lexislatura contra esa coalición necesaria da oposición.
Gonzalo Caballero, na sesión de control
photo_camera Gonzalo Caballero, na sesión de control.

Non foi a oposición senón Feixoo quen conseguiu establecer o marco do debate político no arranque do curso. Cun Gonzalo Caballero aínda verde para a loita no lameiro da cámara, a alternativa ao PP tardará en empezar a debuxarse. 

A oposición non atinou case ningún disparo e Feixoo levou cada duelo ao seu carreiro porque parece ter máis claro cales son os puntos débiles desa alternativa, necesariamente unha coalición á esquerda (co que lle custa pactar á esquerda). “Eu quédome con Galiza e vostedes con Partido Socialista”, espetoulle a Antón Sánchez, portavoz do grupo Común da Esquerda nestas sesións de control ao Presidente da Xunta. “Non lle corresponde a vostede defender o PSOE”, díxolle a Ana Pontón, a líder nacionalista. E cebouse no debutante Caballero: “é vostede un franciscano socialista, o máis obediente secretario xeral que ten Pedro Sánchez. Vostede non é Sánchez, é o portavoz de Sánchez”.

De fondo, a cuestión dos 700 millóns de euros bloqueados en Madrid e que Feixoo di que son “das familias desfavorecidas de Galiza”. Ten razón Antón Sánchez cando di que Feixoo é coma Houdini. Ao remate da sesión tirou de chistera e apareceu unha carta ao presidente do goberno cunha proposta que solucione vía real decreto a cuestión dos 700 millóns que Feixoo di que serán “para os servizos públicos”.   

A falta dun liderado rotundo na bancada socialista, Ana Pontón e Antón Sánchez trataron de poñer a Feixoo en apuros. “Vostede paralizou a vivenda pública neste país causando sufrimento, sempre se colocou do lado dos que fan negocio coa vivenda”, criticou o deputado de Anova, e lembrou que hai 13.000 demandantes de vivenda protexida e que o plan estrela da Xunta para sacar ao mercado parte “das 300.000 vivendas baleiras” apenas concedeu 4 axudas no 2017 e 2 no 2018. “Cando un non defende Galiza, pérdese nos datos”, contestou Feixoo, e asegurou que desde o PP “salvamos 2.800 familias dos desafiuzamentos”. Nin explicou como nin en que período. Un dato máis, pero dito polo Presidente da Xunta... 

Ana Pontón animou Feixoo a presentar un recurso xudicial contra o bloqueo dos 700 millóns despois de asegurar que exerce como recadeiro de Pablo Casado [presidente do PP] nunha estratexia de desgaste a Pedro Sánchez. “Abandone o ‘seguidismo’ centralista e defenda un concerto económico para Galiza”, insistiu a portavoz nacional do BNG, que apuntou a un dos piares do discurso co que Feixoo comeza o curso: el debate con Pedro Sánchez, non coa oposición galega, á que constantemente despreza.

Especialmente ao BNG. Feixoo esbozou a liña de ataque popular a esa alternativa incipiente que se empezara a debuxar nos pactos municipais e nas deputacións. “O BNG dálle o goberno ao PSOE sempre que pode”, atacou o presidente. “Deixen de criticalo [polo bloqueo dos 700 millóns], rompan con eles”, insistiu na fenda. Na réplica, Pontón reiterou os argumentos que apuntan directamente a Feixoo: “abandone os seus complexos, deixe de facer de recadeiro de Casado”. 

A esperada estrea de Gonzalo Caballero resultou unha decepción. Acartonado, cun discurso de perfil moi baixo, o pretendente só pode mellorar. Diante dun adversario frouxo, Feixoo foi implacábel. Ridiculizouno ao cualificar a súa intervención como “simpática”. Disparou á fraxilidade conxénita dos liderados socialistas ao sinalar que Caballero se tiña blindado “como próximo candidato á Xunta antes mesmo de coñecer os resultados das municipais”, e insistiu en sementar a discordia entre os partidos da oposición, que polo visto na sesión, aínda buscan un liderado sólido e un discurso claro sobre que país queren.

Comentarios