CARLOS BABÍO E MANUEL PÉREZ

“Houbo un esforzo en asociar Franco e Juan Carlos de Borbón ao redor do pazo de Meirás”

Carlos Babío, quen leva máis de 20 anos investigando ao redor do espolio do pazo de Meirás, e Manuel Pérez, historiador, son os autores de Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, obra editada pola Fundación Galiza Sempre que vén de chegar ás librarías. Afondamos no seu contido cos autores. Eis un extracto publicado no semanario Sermos Galiza.

Manuel Pérez e Carlos Babío en Meirás([Imaxe: Erik Dobaño).
photo_camera [Imaxe: Erik Dobaño] Manuel Pérez e Carlos Babío en Meirás

6No libro dades conta das visitas de Juan Carlos de Borbón ao pazo de Meirás. Dunha delas xurdiu a icónica fotografía do actual rei de España, Felipe de Borbón, dándolle a man a Franco, baixo a atenta mirada de seu pai.

C.B.: Juan Carlos foi nomeado sucesor de Franco en xullo de 1969, unhas semanas despois, Franco veranea en Meirás e a partir dese momento Juan Carlos, xunto coa súa familia, visitará Meirás todos os veráns. Hai unha serie fotográfica desde o 69 ao 75, durante eses seis anos despacha con Franco en Meirás e mesmo se aloxa uns días.

M.P.: Entra dentro do propio aparello propagandístico do réxime ese tipo de reportaxes. Quere darse unha imaxe por unha parte de renovación, mais tamén de continuidade. Estamos ligando Juan Carlos con Franco, de aí ese esforzo en asocialos ao redor de algo moi simbólico para o réxime, que é o pazo de Meirás.

C.B.: Hai un dado moi revelador: Franco morre o 20 de novembro de 1975, o 22 toma posesión o seu sucesor, Juan Carlos de Borbón, e o 26 un dos primeiros decretos que asina como xefe do Estado é a creación do Señorío de Meirás e a súa concesión á viúva do ditador. E non só fai iso, senón que na propia xustificación da concesión do título faise un recoñecemento implícito ao réxime como un período glorioso do Estado e, polo tanto, estase vinculando tamén a esa continuidade do réxime á vez que blinda unha propiedade a través dun Señorío creado para ennobrecer un espolio, algo inaudito. Isto outorga a Carmen Polo o rango de excelencia e unha serie de privilexios, como é unha pensión vitalicia que superaba a que cobraba o presidente do Goberno da época. Catro días após a toma de posesión, hai unha blindaxe a esa familia, ao réxime, ao que representou e ao espolio.

Entre as múltiplas caras do pazo atópase “Pazo de Meirás, productos de la huerta”. Que negocios facían os Franco desde Sada?

M.P.: Estes negocios definen moi ben o que é o réxime, o que é Franco e o que é o pazo de Meirás. Franco chega a constituír unha especie de empresa para aproveitar o rendemento que lle podía dar o pazo a todos os niveis. A empresa dedícase a toda unha serie de cultivos e á produción de gando, tiña vacas e galiñas. Desde o pazo de Meirás vendíanse ovos que se enviaban a Madrid, vendíase madeira de árbores do pazo... A empresa está instalada no pazo e en terreos lindeiros do pazo e é xestionada polo propio Estado, é dicir, unha empresa particular, do ditador, xestionada pola Casa Civil, a través da figura do garda civil hortelán. Un garda civil cuxa misión non era garantir a seguridade, senón que os ovos das galiñas chegasen ao seu destino polo prezo acordado.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 274 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios