CRÍTICA DE CINEMA

Crítica de cinema: 'Hotel Bombai'

Un grupo de terroristas entra no Hotel Bombai matando indiscriminadamente a calquera que se lle poña por diante. Empregados e hóspedes tratarán de reverter a situación.

hotel_mumbai_0hero-h_2018

O australiano Anthony Maras debuta na longametraxe coa recreación, en modo thriller, dos atentados terroristas acontecidos en Bombai en novembro de 2008 polo grupo xihadista Lashkar Taiba. Atacaron, de maneira coordinada, varios puntos da capital india: unha estación de tren, unha cafetería, un cine, un colexio, un hospital, dous hoteis... mais Hotel Bombai centra o groso dos acontecementos nas instalacións do Taj Mahal Palace.

A trama comeza nun punto que conecta directamente onde remataba Os cabalos de deus (ver Sermos Galiza nº170): os terroristas chegan ao seu destino preparados para atacar. Após causar o pánico en varias localizacións da cidade, a multitude corre espavorecida para agocharse onde pode. Varias persoas tratan de facelo no luxoso Taj Mahal Palace, pero os terroristas entran con elas. Uns cantos hóspedes e empregados farán fronte aos terroristas.

As vítimas preséntanse en típicas historias cruzadas dunha película de catástrofes. De feito, por un intre, apunta a filme tipo A xungla de cristal (1988, John McTiernan), pois o baril Armie Hammer (A rede social, Call Me by Your Name) anda polo hotel e semella ser o heroe da peli. Pero en Hotel Bombai non hai heroes nin heroínas ao estilo Hollywood. Aquí móstranse heroes e heroínas co pánico no corpo, egoístas por momentos, empáticos noutros, valentes e covardes ao mesmo tempo... En definitiva, persoas de a pé que reaccionan e toman decisións, moi humanas, nunha situación límite.

No reparto coral aparecen outras facianas coñecidas na que destaca Dev Patel (Slumdog Millonaire, Lion) que, ademais de producir o filme, métese na pel dun dos camareiros do hotel. Jason Isaacs (Lucius Malfoy na saga Harry Potter) fai de hospede ruso podre de cartos e cun corazón algo menos ruín do que parece nun principio. Tamén ten minutos a estrela internacional india Anupam Kher (A grande enfermidade do amor) que fai de xefe de cociña. O resto do elenco está formado, maioritariamente, por actores e actrices autóctonos do lugar onde acontecen os feitos, aportando ese grao de credibilidade necesario para que a película funcione.

Un filme nada compracente que mestura thriller con terror real. O guión, escrito por Maras e John Collee (Master and Commander), foi documentado a fondo a través de entrevistas cos superviventes e, incluso, coas conversas telefónicas reais entre os terroristas, a fin de recrear o pesadelo e a desesperación vivida naquel novembro negro coa maior minuciosidade posíbel. Unha recreación, iso si, moito menos abafante e dura que a proposta no filme Utoya. 22 de xullo (2018, Erik Poppe). Así que non se alarmen.

Hotel Bombai lembra un dos episodios máis tráxicos do século XXI ao tempo que nos invita reflexionar sobre unha preocupante cuestión: nos países occidentais apenas tivo repercusión. A noticia quedou diluída na prensa escrita entre as páxinas internacionais. Non abriu os telexornais. Tampouco houbo conexións en directo. Non houbo programas especiais. Nada de bandeiras da India con crespón negro. Nada de cancelos de #jeSuisMumbai nas redes sociais. Indiferenza total.

Difícil explicar un só motivo deste comportamento decadente, pero vén corroborar que para que a sociedade e os medios mostren “algo de interese” e “seguimento” seica debe de haber, como mínimo, certa proximidade, unha proximidade tanto xeográfica como relixiosa. A partir de aí, por suposto, tamén inflúe a cor de pel das vítimas, as afinidades históricas co país, se visitamos ou non o lugar, se hai compatriotas mortos ou feridos, se un/unha influencer se fai eco da masacre... Si, así de triste.

Hotel Bombai está cheo de suspense, acción, drama, é impecábel tecnicamente e ten moi boas interpretacións pero, sobre todo, é un filme necesario que serve de homenaxe a todas esas vítimas esquecidas en “atentados de segunda”.

Hotel Mumbai

(Australia-EUA-India, 123 min.)

Dirección: Anthony Maras

Guión: John Collee e Anthony Maras

Fotografía: Nick Remy Matthews

Música: Volker Bertelmann

Elenco: Armie Hammer, Dev Patel, Jason Isaacs, Angus McLaren, Nazanin Boniadi, Anupam Kher, Tilda Cobham-Hervey, Natasha Liu Bordizzo, Suhail Nayyar, Sachin Joab, Alex Pinder, Gaurav Paswala, Amandeep Singh

Comentarios