A hostalaría ve "insuficientes" as medidas e séntese "criminalizada" por Feixoo

Vinte municipios vivirán esta cuarta feira concentracións de protesta do sector para exixir indemnizacións e medidas máis contundentes a todas as Administracións.  
Protesta da hostalaría o pasado 16 de febreiro diante da residencia do presidente da Xunta en Monte Pío, Compostela (Arquivo-Arxina)
photo_camera Protesta da hostalaría o pasado 16 de febreiro diante da residencia do presidente da Xunta en Monte Pío, Compostela (Foto: Arquivo-Arxina)

O sector da hostalaría galega considera que as medidas anunciadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, son "insuficientes" e empeoran a situación da que partían, ademais de criminalizar a súa actividade. Por este motivo, convocaron concentracións para esta cuarta feira en vinte municipios, entre os que figuran as cidades de Pontevedra, A Coruña, Compostela, Ferrol e Vilagarcía.

"Demos un paso atrás a como estabamos", indica Lois Lopes de Hostalaría Compostela. Nas medidas anteriores ao último fechamento permitíase un 40% de ocupación, até seis persoas por mesa de non conviventes e un horario que chegaba até as 23 horas. "Agora quedamos cun 30%, catro persoas e temos que fechar ás 18, polo que prexudica os que teñen franxa horaria de tarde e os que non contan con terrazas", asegura Lopes a Nós Diario

Xabi Barral, voceiro da Plataforma ShOStalaría da Coruña, coincide nesta valoración. "Se cren que só cun 50% de terraza ou cun 30% de interiores se pode defender é que non sabe como é un negocio nin traballou nunca como autónomo". 

Axudas "insuficientes" no canto de indemnizacións

O Plan de rescate da Xunta da Galiza tampouco caeu ben no sector. "Demandamos un rescate urxente, non esmolas", sinala Barral a Nós Diario. Asegura que "non todo o mundo pode acceder a elas polos condicionantes da facturación, ese 45% que piden". 

Desde Guitiriz, municipio que continúa cunha grande incidencia de casos na fase 1, Pedro ten unha bocataría que agora segue traballando con comida para levar. Contaba con catro persoas contratadas, que están cun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE). "As axudas exixen ter moita perda, non sei quen foi o iluminado que puxo esa cifra", afirma a Nos Diario.

Explica que "calquera empresa con persoal que perda un 45% da facturación ten problemas serios" e non entende que poñan tantos impedimentos para chegar a elas. "Na primeira liña de axudas pedían non ter contraído débedas con Facenda e Seguridade Social, que sería o máis probábel nesta situación". Pedro está seguro de que "sobrará orzamento porque a xente non cumpre os requisitos" e “o crédito das [axudas] de agora non acaba a semana". 

Da mesma opinión é Julio, propietario do restaurante Casa Eiroa de Ponteceso. "Non chegan para o que estamos pasando, o tempo que estivemos fechados e o resto das restricións", afirma, "en realidade só traballamos no verán", sentencia. 

Feixoo segue a "criminalizar" a hostalaría

Hostaleiros e comerciantes de Pontevedra presentaron hoxe ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) un recurso contencioso-administrativo para reclamar á Xunta unha indemnización por lucro cesante, en correspondencia coas cantidades que deixaron de percibir en 2020 e 2021 debido ás limitacións aplicadas ao sector con motivo da pandemia.

Trátase dunha reclamación á que se esperan que se sumen máis estabelecementos afectados -contan con, cando menos, 15- a través de demandas individuais.

As restricións nas terrazas, un "conto chino" na hostalaría 

"O das terrazas é un conto chino", asegura Julio de Casa Eiroa (Ponteceso), "moitos non poderemos abrilas e a maior parte [dos bares] non teñen", di. Pedro, de Guitiriz, é da mesma opinión, e engade que "ter terraza é case o mesmo que nós, que servimos só para levar". Ademais conta coa particularidade do clima que temos. "Hai bares que teñen terrazas acondicionadas mais a maioría non, e estamos na Galiza e é febreiro".

Comentarios