A hostalaría protesta na Coruña e en Pontevedra contra as medidas da Xunta

Concentracións na Coruña e unha caravana de vehículos foron as maneiras de mobilizarse dun sector que está disconforme e teme que as decisións que se están a tomar afecten o seu futuro inmediato. 
Caravana de coches en Pontevedra (Hoempo)
photo_camera Caravana de coches en Pontevedra (Foto: Hoempo)

Un cento de responsábeis de hostalaría da Coruña concentráronse hoxe diante do edificio administrativo da Xunta na cidade para denunciar a situación de "desprotección" á que se enfrontan e o "descrédito" que sofren en relación á pandemia provocada pola Covid-19.

O colectivo pide que lles permitan "abrir e traballar con responsabilidade" e acusan os distintos gobernos de cargarlles coa situación sanitaria. Advirten que se en xaneiro se volvese ditar a clausura de negocios, haberá "fechamentos e despedimentos".

Ademais denuncian que as axudas non chegan, todo o contrario que as taxas que teñen que pagar. As mobilizacións continuarán hoxe diante da Tesouraría Xeral da Seguridade Social para que se "paralice o cobro" das cotas de autónomos.

Caravana de coches en Pontevedra

Na cidade de Pontevedra, a Asociación de empresarios da Hostalaría (Hoempo) xunto cos das localidades veciñas de Poio e Marín protagonizaron esta quinta feira unha caravana para protestar polo plan de desescalada deseñado pola Xunta e expresar o seu rexeitamento á reapertura parcial do sector.

Nestes tres municipios retomarase a actividade a partir da medianoite de mañá só no exterior, coa capacidade até 50% e con horario máximo até as 17 horas, xa que Pontevedra, Poio e Marín continúan no nivel máximo de restricións. 

Representantes deste sector aseguran que, con estas condicións, serán moi poucos os locais que volvan abrir as súas portas ao non resultarlles rendíbel.

Hoempo insistiu en que as axudas son imprescidíbeis para salvar a un sector vital na economía galega polo que demandan que se acheguen parte dos fondos europeos.

Comentarios