As horas extras non remuneradas na Galiza equivalen á creación de 5.400 novos empregos

Un estudo de CCOO-Galiza sobre a precariedade indica que cada persoa asalariada temporal asinou de media 4,29 contratos en 2018, o cociente máis elevado da última década.

ccoo maica bouza silvia parga
photo_camera Maica Bouza e Silvia Parga.

CCOO da Galiza presentou esta quinta feira un estudo sobre a precariedade laboral no mercado de traballo galego. “É imposíbel crear un proxecto de vida e de traballo neste país”, denunciou a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, que demandou un plan de choque para atallar a “precariedade galopantenas mulleres e mocidade, que son os colectivos con maior presenza no emprego a tempo parcial e temporal e sofren maiores taxas de paro.

Silvia Parga, economista de CCOO, salientou que no primeiro trimestre de 2019 había 1.080.200 persoas ocupadas. Delas, 14,8 % traballan a xornada parcial, “a porcentaxe máis alta desde que comezou a recuperarse o emprego, en 2015”. Segundo a economista, a xornada parcial é involuntaria na maioría dos casos: 56 % das persoas aceptárona porque non atoparon un traballo a xornada completa.

Horas extras non remuneradas

Parga tamén alertou do alto número de horas extraordinarias non remuneradas. No primeiro trimestre de 2019 traballáronse 409.000 horas extraordinarias e 53 % non se pagaron. CCOO calcula que esta cifra podería equivaler a uns 5400 postos de traballo de 40 horas semanais.

Entre as medidas que CCOO propón para reducir a precariedade, destacan a aprobación dunha lei de emprego da Galiza; a reforma e mellora do Servizo Público de Emprego; limitar e reordenar as bonificacións á contratación para que sexan eficaces e non contribúan a aumentar a precariedade; facilitar a inserción laboral da mocidade por medio da formación profesional para o emprego, poñendo en valor a rede de centros públicos de FP de titularidade autonómica; e o un plan de choque para a mocidade e as mulleres.

Comentarios