Do toque de queda en París ás medidas polémicas de Madrid. Así se loita contra a Covid en Europa

A segunda vaga do novo coronavirus segue a medrar en Europa. O medo a que se descontrole e poida colapsar os servizos sanitarios levou a medidas drásticas nos principais Estados da Unión Europea e no Reino Unido.
EuropaPress_3374261_mural_personas_mascarillas_milan (1)
photo_camera Unha muller pasea diante dun mural en Milán (Europa Press).

O avance da infección está a deixar récords no número de contaxios en Europa, cunha curva que non parou de subir desde finais do verán.

Francia

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, anunciou na cuarta feira unha serie de medidas máis restritivas, alertando de que "estamos nunha situación preocupante que implica que nin podemos entrar en pánico nin tampouco non facer nada".

Con 1.633 pacientes en coidados intensivos nos hospitais franceses, a partir de mañá entrará en vigor un toque de queda na rexión parisiense de Île-de-France e en oito áreas metropolitanas (Grenoble, Lille, Lyon, Aix-Marseille-Provence, Montpellier, Rouen, Toulouse e Saint-Etienne).

O fechamento farase efectivo diariamente entre as 21 horas e as 6 horas, e permanecerá en activo como mínimo seis semanas. Macron sinalou que, se ben regresar a un confinamento xeral nas casas sería "desproporcionado", "o toque de queda é unha medida relevante", manifestou.

O presidente galo é consciente, dixo, de que "haberá consecuencias económicas" para sectores como os bares e restaurantes, a cultura, os deportes e outros eventos. Ademais, anunciou que se reactivarán as xornadas laborais reducidas e prometeu "medidas suplementarias" para os pequenos negocios nas áreas afectadas polos toques de queda. 

Alemaña

Mantense en Francia a posibilidade de viaxar entre rexións, cuestión polémica nun país descentralizado como Alemaña, onde tamén se están a bater récords diarios de contaxios. Até a madrugada de onte o Goberno federal e os länder estiveron negociando as medidas a tomar para controlar a propagación do SARS-CoV-2.

Non houbo acordo a respecto de prohibir a estancia en estabelecementos hoteleiros ás persoas procedentes de zonas de alto risco de contaxio a menos que presenten un test negativo en coronavirus cunha antigüidade non superior ás 48 horas. 

Esta opción recibiu críticas tanto de líderes da Unión Demócrata Cristiá (CDU) como do Partido Socialdemócrata (SPD). O epidemiólogo e responsábel de sanidade desta formación, Karl Lauterbach, criticou o veto, asegurando que "ningún estudo mostrou que viaxar a través de Alemaña sexa un condutor da pandemia".

No que si houbo acordo entre Goberno central e Estados federados foi en unificar criterios á hora de estabelecer restricións. Estas aplicaranse en áreas onde se superen os 50 contaxios por 100.000 habitantes nun período de sete días, e contemplan toques de queda a partir das 23 horas, que inclúen o fechamento de bares e restaurantes.

Tamén se limitan as reunións en lugares públicos a un máximo de dez persoas, co compromiso de reducilas a cinco de dous grupos familiares diferentes se non abonda para frear os contaxios. No caso de xuntanzas en vivendas privadas, o máximo estabelecido esta semana é de dez persoas de dous grupos familiares diferentes.

E en áreas con 35 contaxios por cada 100.000 habitantes no período de sete días, obrígase ao uso de máscara nos lugares públicos ateigados de xente.

Todas estas medidas foron cualificadas de "insuficientes para previr o desastre" pola chanceler alemá, Angela Merkel. "A sensación é que todo o mundo está á procura de pequenos tecnicismos" para non aplicar medidas "máis duras", dixo.

España

Noutro Estado descentralizado, onde as decisións sobre esta materia se toman nos territorios autónomos, España, non existe un criterio común entre as Comunidades Autónomas. A media estatal de casos é de 265 por cada 100.00 habitantes nos últimos sete días. 

Asturias, por exemplo, con 186 casos, estabeleceu esta semana unha serie de medidas como limitar as reunións a seis persoas, mais non estabeleceu toque de queda e permite o consumo en bares. Pola contra, en Catalunya (263 casos) obrigouse ao fechamento desde onte e durante 15 días de todos os estabelecementos de restauración. E en Madrid (463 casos), ante a falla de iniciativa por parte do Executivo rexional, o Goberno do Estado decretou hai unha semana o estado de alarma neste territorio, un dos máis afectados da UE.

Reino Unido

Tamén descentralizado e con criterios autónomos xestiona o Reino Unido a crise sanitaria. En Escocia, cinco das 14 áreas sanitarias superan os 100 casos por 100.000 habitantes nos últimos sete días, entre estas as que inclúen Edimburgo (132 casos) e Glasgow (238). O Goberno escocés anunciou onte que nos próximos días se implementarán novas restricións, mais por agora mantén as vixentes. 

Pola súa banda, o Executivo de Irlanda do Norte decretou a clausura de colexios e bares. E Gales anunciou que vetará a entrada de persoas procedentes de zonas de alto risco do resto das home nations. 

Inglaterra, desde a cuarta feira, ficou dividida en tres zonas de risco. Liverpool está na máxima, a 3, que contempla a clausura de bares e a prohibición a que persoas de diferentes fogares interactúen en interiores. O Gran Manchester pode seguir os seus pasos, e hoxe está previsto que o Goberno británico inclúa Londres na categoría 2.

Italia

E o primeiro ministro de Italia, Guiseppe Conte, aprobou o veto a festas privadas. Restrinxe tamén o horario dos bares até a medianoite en terrazas até as 21 horas─. E recomenda usar máscara na vivenda propia cando se estea con persoas alleas. Porén, o Goberno confirmou onte que as escolas non fecharán.

Comentarios