Homenaxe da Selección a Alejandro Gómez no estatal de campo a través

O combinado nacional corre o domingo en Getafe o Campionato de España.
alejandro_gomez
photo_camera Alejandro Gómez, finado en xuño do ano pasado, participou en tres edicións dos Xogos Olímpicos (Foto: FGA)

O 8 de marzo de 2020, tres días antes de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarase a pandemia da Covid-19, a Selección Galega de campo a través disputaba o Campionato de España en Zaragoza. Foi está a última cita en que puido participar, xa que posteriormente chegou a suspensión de todo tipo de actividade deportiva, mesmo dos Xogos Olímpicos previstos para o verán do ano pasado.

Mais este longo parón chega ao seu fin. Esta fin de semana, concretamente o domingo, a Selección Galega regresa á competición ao máis alto nivel, coa disputa de Getafe da cita máis importante do calendario estatal da especialidade. O Campionato de España reunirá na localidade madrileña as máis importantes seleccións a nivel estatal na procura dun dos postos de honra, tanto no individual como no colectivo.

A Selección Galega acode á competición en Getafe nunhas circunstancias excepcionais que obrigaron ao Sector Técnico a confeccionar un combinado sen referentes previos competitivos dos que tomar pautas, circunstancia esta que dificultou a elaboración das listas esta tempada.

Malia os atrancos, Galiza viaxa a Getafe cunha expedición composta por un total de 24 atletas que formarán os equipos Absoluto, Sub23 e Sub20 destacando a presenza de varios atletas internacionais.

Selección feminina

A Selección absoluta feminina estará liderada pola subcampioa mundial en duatlón Sub20, a venezolana con ficha por Galiza Edymar Brea, que achegará calidade a un combinado onde tamén estará na liña de saída a internacional Uxía Pérez, que o ano pasado no Campionato de España disputado en Zaragoza lograba unha excelente décima posición. Canda a elas contarase coa presenza de ilustres internacionais como as fondistas Sandra Mosquera do Comesaña S.C. ou Paula Mayobre do Running Pinto Seoane. Tamén estará Laura Santos, do Lucus Caixa Rural Galega, que debuta na absoluta. 

Selección masculina

A categoría masculina estará encabezada polo tamén internacional Alex Fernández do Ourense Atletismo, que tomará parte sobre os 10.000 metros de circuíto xunto a Carlos Porto da Gimnástica, Alvaro Prieto do Atletismo Narón, Esteban Iglesia do Lucus Caixa Rural Galega e Jorge Puig do C.A. Santiago.

Na categorías Sub23 e Sub20 femininas tanto Elena Costa do A.F. Celta como Nerea Lage do Atletismo Friol, estarán á fronte dos respectivos equipos, igual que o naronés Iván Puentes no Sub23 masculino. El Medhi El Naboaui volverá ser o máximo referente na Sub20, onde xa o ano pasado lograba a medalla de prata no estatal da especialidade.

Lazo negro

Na memoria e no corazón dos presentes na competición en Getafe estará a figura do recentemente falecido Alejandro Gómez, un veterano neste campionato, do que saíu campión até en seis ocasións defendendo as cores da Galiza. 

Neste sentido, a Federación Galega de Atletismo (FGA) decidiu onte que durante a disputa do Campionato de España en Getafe todos os compoñentes da Selección compitan cun lazo negro na camiseta nacional, na honra dun dos máis grandes do atletismo galego.

Comentarios