Homenaxe bravú a Pinto d´Herbón na Casa de Rosalía

A homenaxe será bravú porque bravú é tamén o homenaxeado. E bravú serán participantes no acto como Xurxo Souto ou Manuel Rivas, por non falar do espazo, a Casa-Museo de Rosalía de Castro. Será o 25 de outubro. 

Pinto d´Herbón
photo_camera Pinto d´Herbón

A Casa-Museo de Rosalía de Castro ábrese ao bravú cunha homenaxe ao ilustre veciño da veciña parroquia de Herbón. O vindeiro día 25 de outubro, persoas ligadas ao movemento que comezou no rock mais que se contaxiou a toda a cultura como Manuel Rivas e Xurxo Souto reivindicarán a figura de Pinto cunha homenaxe que comezará cunha comitiva de gaiteiros que partirá de Herbón ás 11 da mañá para se dirixir a casa da poeta na que se representará a partir da propia Rosalía diversos momentos da vida de Pinto.  

“Coroa poética para o Pinto d’Herbón” será o título da homenaxe na que tamén tomarán parte Caruncho, Paola Beiro, Sofía Tarela das Garotas da Ribeira ou Vituco Neira. 

“Nitramón, 15, 15, 15” é un dos temas que catapultou á fama á Pinto de Herbón, o rapeiro e regueifeiro que non parou naquel tempo de bravú e continúa desde o ano 1997 facendo da arte da regueifa a súa maneira de se expresar, maiormente acompañado co Caruncho. 

Despois da homenaxe a Xosefa de Bastavales, o recoñecemento da figura do Pinto será un acto dos máis entrañábeis deste aniversario no que festivais e protagonistas lembran e recuperan o espíritu do bravú que entusiasmou o país. 

Comentarios