Sábado 22 de xuño

Homenaxe aos guerrilleiros O Gardarríos e Antonia Díaz na Mariña

Hai 71 anos que unha contrapartida fascista asasinou en Lourenzá a Luís Trigo Chao, O Gardarríos, guerrilleiro antifascista e socialista, e a súa compañeira Antonia Díaz. Unha comisión popular volve organizar unha homenaxe á súa memoria o 22 de xuño, sábado, en Mondoñedo e Lourenzá.
 

Foto Luis Trigo
photo_camera Luís Trigo Chao, O Gardarríos. Foto: cedida.

O obxectivo do acto é deixar testemuño da entrega á loita pola democracia de Luís Trigo e a súa compañeira Antonia Díaz”, indica Xosé Luís Fernández Rivera, membro da comisión que organiza a homenaxe, “e tamén de todas aquelas persoas que na súa condición de enlaces prestaron axuda a aquela loita asumindo os riscos derivados de enfrontar a ditadura”.

O programa comezará cunha mesa redonda ás doce da mañá na casa da xuventude de Mondoñedo, en que participarán persoas coñecedoras da vida deste gardarríos de profesión, perseguido por se implicar na revolución de 1934. Despois, ás cinco e media, os actos trasladaranse a Vilanova de Lourenzá. Ao carón do monolito erguido o ano pasado desenvolverase “un espectáculo poético musical” e falará Francisco Martínez López, Quico, membro da Federación de Guerrillas de Galiza e León e Fernanda Cedrón Trigo, neta do Gardarríos.

“Queremos que a xornada teña unha especial lembranza para os centos de persas que, en toda a Mariña pero tamén na Terra Cha, A Corda ou no Eo Navia, colaboraron coa partida do Gardarríos e Antonia Díaz”, engade Fernández Rivera.

A entidade Memoria da Mariña, que se atopa detrás da organización da comisión popular, chama a “toda a veciñanza, colectivos sociais, organizacións sindicais e políticas e institucións a sumarse a este acto de xustiza”. Un enderezo electrónico, [email protected], e un teléfono, 608987474, recibirán as comunicacións daquelas que se queiran sumar. A maiores, ese 22 de xuño haberá un xantar de convivio para un máximo de 50 persoas previa inscrición.

Comentarios