María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas baixo a sombra dun castelo

O historiador Diego Piay dá a coñecer o legado inédito de María Vinyals

A historia de María Vinyals é, aínda, unha historia inacabada. Queda moito por contar da vida desta muller precursora nada no Castelo de Soutomaior a finais do século XIX. Proba disto é o libro de Diego Piay Augusto, publicado por Alvarellos en colaboración coa Deputación de Pontevedra. María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas baixo a sombra dun castelo é o título da obra. A pasada cuarta feira presentouse en Vigo.
Maria_Vinyals_A-Muller_do_Porvir_alvarellos_ed
photo_camera Imaxe da capa do libro 'María Vinyals, a muller do porvir' (Alvarellos Editora).

Diego Piay é historiador, especialista na Antigüidade. O seu andar pola vida de María Vinyals, di, é froito “da obstinación e da fortuna”. Pero antes foino da oportunidade. A finais de 2017, a raíz dunha colaboración previa, o servizo de Turismo da Deputación de Pontevedra propúxolle participar no proxecto de musealización do Castelo de Soutomaior, que acababa de iniciar.

Piay recibiu a encarga de realizar unha investigación rigorosa de todas as persoas propietarias da fortaleza ao longo da súa historia. Foia así, nese percorrido, como María Vinyals apareceu na súa vida, “ao se converter en herdeira do castelo en 1908, tras a morte de seu tío Antonio Aguilar y Correa, marqués de Mos y de la Vega de Armijo.

familia maria vinyals soutomaior“Descubrín unha figura fascinante, cun peso e unha forza incríbeis”, explica a Sermos Galiza. “Non a coñecía, pero axiña vin que había obras biográficas e moitos fíos dos que tirar para investigar e ampliar o coñecemento que tiñamos dela como escritora, feminista e axitadora social”.

Material inédito

Escribir un libro sobre a vida de María Vinyals non estaba nos seus plans. “Eu tan só quería recoller toda a información posíbel sobre esa muller nada en Soutomaior en 1875 que transcendeu polo seu activismo político”.

Carta María VinyalsNeste proceso, recoñece, ademais de botar man da bibliografía existente, foi tecendo unha rede de contactos que o levaron a percorrer medio mundo. “En Soutomaior, a memoria da marquesa de Ayerbe segue aínda viva”. Alí, asegura, entrevistouse con xente que aínda acorda a estadía de Vinyals no castelo e que o animou a facer unha busca minuciosa de posíbeis descendentes “que lle achegasen datos de relevancia”. 

Esa porfía abriulle as portas cara Vigo, Porto, Madrid, Barcelona, Francia, Cuba e América do Norte. Unha andaina que, á súa vez, lle permitiu acceder a numeroso material inédito, documental, gráfico e de testemuñas orais. “Como historiador, cando tiven diante de min todas esas fotografías, cadernos e documentos familiares orixinais, sentinme na obriga de compartila. Creo que era o meu deber, e foi aí cando decidín poñerme a escribir”, afirma o autor.

O caderno de Emilia

Segundo explica Diego Piay, unha mestura de sorte e tenacidade “levoume a atopar unha descendente indirecta de María Vinyals, moi interesada en recuperar a historia da súa familia”. Sofía Sampaio é bisneta de Emilia Lluria, filla de Enrique Lluria, o médico cubano que en 1909 casou en segundas nupcias con Vinyals e se instalou en Soutomaior canda os seus fillos. Na súa casa, Sofía garda boa parte da documentación inédita que agora sae á luz da man de Alvarellos Editora.

castelao inedito album privado emilia lluria vinyals“Por primeira vez”, sinala Piay, “identificamos e poñémoslle cara aos fillos de Lluria e Vinyals, ademais de recuperar correspondencia e cadernos de grande interese”. Destaca un que lle regalaron a Emilia Lluria no que o investigador descubriu un debuxo orixinal de Castelao, do ano 1916. “Pode ser a peza de máis valor ente outras moitas sinaturas, poemas, recordos, ilustracións e consideracións que os intelectuais da época escribían nese caderno a petición de Emilia cando ían de visita á fortaleza de Soutomaior”.

"Sete vidas baixo a sobra dun castelo”

A contribución de Sofía Sampaio é clave para o volume que Diego Piay acaba de presentar. Un ensaio rigoroso da vida de María Vinyals; desa muller culta, feminista, escritora, historiadora, tan preocupada pola sociedade do seu tempo. Pero máis aló desa figura precursora, xa difundida, o autor procurou un enfoque máis amplo capaz de retratar todas as facetas da súa existencia.

O meu é un relato histórico, rigoroso e emocionante da vida persoal e familiar de maría Vinyals.

“Reducir a personaxe á súa dimensión pioneira é normal, pero non é suficiente, por iso aproveito a súa figura para facer un percorrido polas vidas das sete persoas da familia que viviron no castelo de Soutomaior entre 1910 e 1917”. O seu, advirte Piay, é un relato sentimental. “Histórico, rigoroso e emocionante”, que se completa cunha carta cedida pola familia de Mercedes Fernández, outra das figuras esenciais que fixeron posíbel esta historia, dalgún xeito, aínda inacabada.

"A día de hoxe sigo descubrindo detalles da vida de Vinyals e dos seus descendentes. A miña rede de contactos mundial segue viva e en calquera momento revélame novos datos sobre a súa historia”, conclúe.

Comentarios