Fidel morre aos 90 anos

A historia xa o absolveu

Ao Comandante en Xefe, líder da Revolución cubana, non lle fai falta apelido. Era e seguirá a ser Fidel. Faleceu a sexta feira ás 22.29 horas da noite (hora local) aos 90 anos de idade. Horas após, o presidente, Raúl Castro, daba a coñecer en mensaxe televisada o falecemento do home que con tan só 33 anos comandou o Exército Rebelde en 1959.

Fidel Castro_Cubadebate
photo_camera [Imaxe: Cubadebate]

Cuba chórao, mais consciente de que a súa partida é só física. Após 47 anos á fronte do proxecto socialista na illa de maneira ininterrompida, Fidel deixou un fondo legado antiimperialista que vive no pobo cubano. Converteuse nunha emblemática figura do antiimperialista ao resistir ás inxerencias dos Estados Unidos –que desde 1960 impuxo o bloqueo comercial- e ao non ceder ante os seus intereses.

Considerado un dos personaxes máis influentes e significativos do século XX, Fidel deixa un ronsel quen se mantén vixente a día de hoxe. A partir de xaneiro de 1959, co triunfo da Revolución que liderou, encetou unha nova etapa para unha Cuba asfixiada pola ditadura de Fulgencio Batista.

As políticas para acabar co analfabetismo, a extensión a toda a illa dos servizos educativos e a potenciación dos servizos de saúde valéronlle a Fidel o recoñecemento de diversas organizacións.

O histórico líder da Revolución cubana tivo que percorrer un duro camiño para acadar a liberación da illa e defender a soberanía do país

"A historia absolverame"

O histórico líder da Revolución cubana tivo que percorrer un duro camiño para acadar a liberación da illa e defender a soberanía do país. O 26 de xullo de 1953, púñase ao mando da primeira acción armada contra a ditadura de Fulgencio Batista no Cuartel Moncada, en Santiago de Cuba. A iniciativa fallou e Fidel foi condenado a 15 anos de prisión.

No xuízo, pronunciou o seu famoso alegato de defensa o 16 de outubro de 1953: "En canto a min, sei que o cárcere será duro como non o foi nunca para ninguén, preñado de ameazas, de ruín e covarde asañamento, pero non o temo, como non temo a furia do tirano miserábel que arrincou a vida a setenta irmáns meus. Condenádeme. Non importa. A historia absolverame". E absolveuno.

Durante a súa estadía no cárcere, fundou o Movemento Revolucionario 26 de Xullo. En 1955, logo de dous anos de cadea, foi liberado en virtude dunha amnistía e exiliouse en México, onde preparou a creación dunha guerrilla rural na zona de Sierra Maestra. Foi en México onde Fidel coñeceu Ernesto "Che" Guevara, que o axudou a preparar a ofensiva para acadar a Revolución.

O 1 de xaneiro de 1959 chegaba o triunfo. Fulgencio Batista cedía o poder a unha xunta militar e abandonaba Cuba

CyLSDgpW8AAAymwO 25 de novembro de 1956 comezou a expedición encabezada por Fidel. Unha expedición con 81 persoas que partiu desde Tuxpan, en México, até a praia das Coloradas, no oriente da illa. Chegaban a Cuba un 2 de decembro e quince días após refuxiábanse na Sierra Maestra, onde reiniciaron a loita contra as tropas do ditador. Non foi até tres anos máis tarde, o 1 de xaneiro de 1959, cando chegou o triunfo. Fulgencio Batista cedía o poder a unha xunta militar e abandonaba Cuba. A Revolución era unha realidade e, con ela, un dos fitos máis relevantes da historia mundial. A cubana daríalle pulo anos despois ás futuras revolucións en América Latina.

Un mandato histórico

As primeiras medidas socialistas comezaron en maio de 1959, cando asinou a Lei da Reforma Agraria. Unha lei que supuxo que os terratenentes perderan os latifundios maiores de 420 hectáreas e que as terras se distribuísen en cooperativas e granxas. Un ano após tivo lugar a nacionalización de bancos norteamericanos e numerosas empresas.

A ofensiva estadounidense contra a Revolución tornouse en ataque o 3 de febreiro de 1962, cando os EUA armaron unha operación militar co obxectivo de derrocar Fidel

O 20 de outubro de 1960, os EUA iniciaron o bloqueo comercial e económico contra Cuba e en 1961 rompían relacións diplomáticas coa illa. A ofensiva estadounidense contra a Revolución tornouse en ataque o 3 de febreiro de 1962, cando os EUA armaron unha operación militar co obxectivo de derrocar Fidel. En apenas tres días, o Exército cubano desbarataba os plans imperialistas.

O bloqueo comercial, económico e financeiro virou máis grave a raíz da coñecida como crise dos mísiles polo emprazamento de mísiles soviéticos con oxivas nucleares en Cuba. Precisamente, en 1963 Fidel visitaba por vez primeira a URSS tras restabelecer relacións diplomáticas en 1960. Conseguía, entón, o compromiso soviético de defender a illa en caso de ataque. En 1989, o líder ruso Mijail Gorbachov visitou La Habana logo da caída do bloque soviético. Fidel transmitíalle a súa negativa á Perestroika.

Fidel impulsou anos após grandes proxectos como o ALBA e a Unasur partindo dos ideais dunha América Latina soberana e solidaria. Cuba atopara entón na Venezuela de Chávez un dos máis fieis aliados.

O líder da Revolución delegou no seu irmán Raúl Castro a Presidencia do Goberno e do Consello de Estado de forma provisional o 31 de xullo de 2006

Debido a problemas médicos, o líder da Revolución delegou no seu irmán Raúl Castro a Presidencia do Goberno e do Consello de Estado de forma provisional o 31 de xullo de 2006. Dous anos máis tarde, Fidel anunciaba nunha carta publicada no diario Granma que non se presentaría nin aceptaría o posto de presidente e comandante na reunión da Asemblea Nacional do Poder Popular. 

A derradeira ocasión en que se viu publicamente Fidel foi o 15 de novembro, cando recibiu na súa residencia o presidente de Vietnam, Tran Dai Quang.

"Até a vitoria! Sempre!"

Foi Raúl Castro quen deu a coñecer a noticia mediante unha mensaxe televisada: “Con profunda dor comparezo para lle informar ao noso pobo, aos amigos da nosa América e do mundo que hoxe, 25 de novembro de 2016, ás 10.29 horas da noite, faleceu o comandante en xefe da Revolución cubana, Fidel Castro”. “En cumprimento da vontade expresa do compañeiro Fidel, os seus restos serán cremados nas primeiras horas de mañá sábado 26 (...). Até a vitoria! Sempre!”, concluía o presidente.

Desta maneira, e aos 90 anos, falecía Fidel. Facíao após incontábeis falecementos virais lanzados desde Miami e após sobrevivir a uns 640 intentos frustrados de atentado.

Comentarios