Opinión

Historia miúda

O goberno de Portugal e o goberno de España programan celebrar, neste 2019, o quinto centenario da circunnavegación do mundo mundial a cargo de Fernão de Magalhães e Juan Sebastián Elcano (ou Elkano), un galego de Sabrosa (Vila Real) e un basco. Nada que deba estrañar: a historia oficial de España está chea de apropriacións indebidas. Si, ben sei onde está a vila natal do mariño portugués e ben sei que no fin do século XIV e principios do XVI o reino de Portugal existía plenamente como tal, e tamén non ignoro que Magalhães acabou vendendo os seus servizos á coroa castellana (tamén nada novo: moi galego...), mais coñecendo a mestría e ciencia ancestral dos galegos na arte da navegación, pois permítome (e permítanme) a licenza.

A gheada tan á moda ten a súa orixe na “gueada” (“Ánguel”, “Gosé”...) mudada logo, en ultracorrección-adaptación ao español

 

O repertorio de afinidades (non electivas) e de semellanzas galego-portuguesas é lugar común mil veces repetido. Eu vou nomear agora unha da máis estrita actualidade: o afán por –con galegos ou con españois–  falar castellano a toda custa, e pensar que se fala con propriedade e competencia. Cantas veces non teremos escoitado “la viague” ou “la equipague” e tantos intentos máis. O exemplo que agora aducimos: “gambas à la ghilho” xa o temos visto tamén en máis ementas de restaurantes (con diferentes variantes). Se ao menos valer para decatármonos de como a gheada tan á moda ten a súa orixe na “gueada” (“Ánguel”, “Gosé”...) mudada logo, en ultracorrección-adaptación ao español; se lembrásemos a anécdota da infancia da música e cantante Pilocha, en Vigo, ao axexo de dous arrichados xogadores de cartas: “Guán, xoja!”... Se tal fixermos, cairemos na conta de até que ponto somos presa dunha naturalidade de seguimento-acomodación ao alto mando, ao español. Como bons servos, coa nosa peculiaridade especial, faltaría máis! Todo moi popular, creado e reproducido por un povo que non sabe que o é, que non ten conciencia de tal. Que máis ten? O caso é entenderse, nonsí?

Visita ao castelo de Sobroso (Mondariz), imponente fortaleza do século XII, refuxio da raíña Urraca. Moi amabelmente atendidas polas dúas señoras que nel traballan e informan a visitantes. Museo de prendas de liño e loxa de varios produtos da zona. Pedimos folleto. Dásenos en español / inglés. En galego? Non había. Á volta, telefonema a Turismo Rías Baixas, para comentar esta omisión. Cando pensabamos, como noutras tantas ocasións, que se nos diría: “Esgotáronse”, “Non nos lembramos de repoñer”, ouvimos con abraio: “Non os hai, porque galegos van moi poucos e, entón, só os temos en español e en inglés”. Inadmisíbel exclusión do galego, apontamos, sen máis ánimo para discutir nada con quen (un empregado, supomos) nos atendeu por teléfono e que nos remitiu a un correo electrónico.  Consecuencia: a) os nativos sobramos; b) os nativos practicantes do galego e reclamantes do mesmo como información turística escrita, aínda máis; c) ollo!, non sobramos en absoluto para pagarmos a restauración e apertura ao público dun edificio histórico; d) o galego non merece existir como lingua escrita na súa propria terra; e) merecemos, en fin, o que temos.

Visita-estadía no balneario de Mondariz. Contemplamos unha historia do mesmo en varios paineis informativos e fotografías históricas. Unha delas oferece á nosa ollada un grupo de clientes ou agüístas. Pé da foto: “Balneario de Mondariz 1923. Emilia Pardo Bazán y un grupo de amigos, entre ellos Rosalía de Castro y Manuel Murguía en el verano de la villa termal”. De primeiras, tivemos vontade de chorar. Despois, botámonos a rir a cachón. En 1923 Dª Emilia levaba dous anos morta; Rosalía de Castro, trinta e oito; Murguía faleceu o 2 de Febreiro dese ano. Por suposto, nengún dos retratados se corresponde coas identidades apontadas. De por parte, imaxinarmos, en foto común, o pretenso trío, é para escachar a rir: a tese e a antítese: a “manífica, absoluta, soberana”, a “eximia”, emparellada coa que considerou a súa “mortal enemiga” e con quen tivo que lle dirixir carta pública (Murguía: “Cuentas ajustadas, medio cobradas”), once anos despois da morte de Rosalía de Castro.

Desleixo, indiferenza, incuria? Opinen vostedes. Eu xa non dou.

Comentarios