Opinión

Hipocrisía e máscaras

[María Obelleiro]

Feixoo tratou de anotarse onte un tanto no Parlamento anunciando que proporá a Sánchez o uso obrigatorio das máscaras FFP2 en determinados contextos, como no transporte público. Descoñecemos se é unha recomendación do Comité Clínico que o asesora mais, en tal caso, tarde piou. Tras moitas presións por parte da oposición, Feixoo accedeu a repartir nos centros de ensino, mais non entre todo o alumnado, como se pedía, máscaras hixiénicas e non FFP2, como se as evidencias científicas non existisen xa daquela. O material portaba o logo do Xacobeo ben visíbel, ao igual que acontecera co emblema da Xunta da Galiza nas máscaras cirúrxicas entregadas nas farmacias para as persoas con menos recursos. A propaganda institucional que non falte, aínda que se gasten nela recursos públicos. 

O anuncio tivo lugar na mesma semana en que chegaron ao persoal sanitario as tan agardadas máscaras FFP2, “racionadas” pola Consellaría de Sanidade e ás que non todas as traballadoras e traballadores do Sergas tiñan acceso. Casualidade?

Comentarios