Opinión

Heroínas

Vivimos días de furia e espanto. Días de patetismo e de vergonza. Días nos que, ás veces, unha se vai preguntando dende a noitiña se pagará a pena afrontar a xornada seguinte. Seino, estou moi pesimista. Pode que porque hoxe que escribo estas liñas lembro como me sentía, como nos sentiamos, hai quince anos cando nos estouparon toneladas de chapapote na face, cando espertamos a un horror que máis ben semellaba un pesadelo. E lémbrome desta data porque a sensación de desesperanza era moi parecida. A sensación de derrota. Coa diferenza de que hai quince anos saímos a xuntar petróleo e a dar a pelexa e hoxe, poñede que sexa o meu pesimismo actual, as respostas que teriamos que estar dando nas rúas quedan en boas intencións e mellores propósitos.

Por suposto que hai xente que sae, unha e outra vez, por cada aldraxe, por cada asoballamento novo ou de serie, por cada porcallada, pero é pouca. Moi pouca en comparación co dano que nos están a inflixir. Aos dereitos que nos van extirpando a pasos axigantados. Semella que unha aceptación xeneralizada dá por sentado que aceptamos sen loitar unha derrota anunciada. Un avance das forzas neoliberais a escala mundial, que están a varrer séculos de conquistas tan duramente acadadas. Sabemos que a historia é cíclica, ou sexa: grandes períodos de dominación dos sectores que acumulan riqueza e poder, e pequenos oasis, con esa dominación algo menos visíbel, que nos custan aos de abaixo sangue suor e bágoas. Mais aínda así avanzamos, lenta pero inexorabelmente. Esa é a condición humana supeditada a un sistema depredador e criminal como o capitalismo, que neste punto da historia acumula en pouquísimas mans as cotas máis altas de riqueza e poder e as maiores desigualdades xamais imaxinadas.

Por iso, nos días en que non dá ningunha ganiña de sacar o corpo das sabas, no que vés de intentar dixerir que unha nena de dous anos fose degolada polo monstro que deixou embarazada a súa nai –a iso non se lle pode chamar pai-, cando aínda non remataches de deixar saír a dor porque unha rapaza foi asasinada a tiros diante do seu fillo por outro monstro fillo san do patriarcado, cando tes que afrontar o día porque, malia o teu pesimismo, as túas poucas esperanzas de axudar a cortarlle as sete cabezas á hidra, a case certeza de que este invento saqueador que chaman crise non nos uniu senón que sacou fóra o peor de nós, malia todo iso, o planeta segue dando voltas arredor da anana marrón, gastada e probabelmente triste, se é que existe a tristeza das estrelas. Bonjour, Tristesse. E coma a terra segue a dar voltas e voltas sen consideración ningunha, cómpre agarrarse a algo que non nos cambalee demasiado para poder co día, para chegar ao seguinte o máis enteira posíbel. Así que eu, que ando pobre de estímulos como a maioría, voume coller do vento fresco que sopra dende o sur de Galiza.

O que provocaron esas bravas rapazas que se atreveron co deus Ortega e todos os seus acólitos. As rapazas que se uniron para se defenderen, para se apoiaren, para enfrontaren a toda unha poderosa e submisa estrutura que protexe á deidade Inditex. Que non reclamaban máis que o xusto, algo impensábel no século XXI. Que o conseguiron, que malia a invisibilidade á que as someteron os medios hexemónicos e á súa mansedume co poder económico, gañaron unha pequena gran batalla. Unha que pon en relevo, para quen non teña os ollos tapados, o backstage das grandes fortunas que saíron do país para conquistar o mundo. Mulleres cos ósos triturados aos corenta, pequenos obradoiros que non subsistiron cando os salarios de máis fame aínda podían vir doutro lado, a sorte dos insectos atrapados en ámbar.

Coñecín moitas desas mulleres na Marcha Mundial de Mulleres 2000 en Bruxelas, teño hoxe amigas que foron vítimas do imperio Inditex e outros menores pero non menos daniños. Por iso hoxe cómpre erguerse e seguir loitando, loitando sempre, intentando ser coherentes, que non é doado. Construíndo ladrillo a ladrillo a nosa propia e amada utopía.

Comentarios