David Bruzos

“É preocupante que haxa xente que sinta que En Marea xa non é o seu espazo”

David Bruzos (Ourense, 1979) encabeza a candidatura Entre Todas ao Consello das Mareas. Este profesor de Física e Química, ex deputado no Congreso español durante a efémera undécima lexislatura, fala da necesidade de recuperar a “ilusión” do que cualifica como “espazo de cambio” e nega que a súa lista sexa froito dun pacto de cúpulas, como critica Villares. “Aquí non sobra ninguén”, reafirma.

 

david bruzos entre todas
photo_camera David Bruzos

-‘Entre todas’ é a candidatura que se presenta como alternativa á xestión de Luís Villares á fronte de En Marea. Como se teceu esta lista, como foi o acordo para constituírse?

-Existía unha sensación entre moita xente de que se necesitaba concretar unha proposta que simbolizase a necesidade dunha mudanza de rumbo para En Marea. Esa sensación xa existía e, evidentemente, callou entre todas aquelas persoas, colectivos ou organizacións que partillaban que había que mudar ese rumbo. Acadar un acordo entre toda esa pluralidade é sinxelo? Non, claro. Tecer unha corda cun único fío é sinxelo, mais tamén é fácil de romper; porén, se tecemos cordas con moitos fíos, iso dá máis traballo, pero a corda é máis resistente. Houbo debate, si, mais vimos desa cultura de negociar, de debater, de dialogar... e pensamos finalmente que se chegou a un acordo que plasma a diversidade e pluralidade de En Marea.

“En En Marea non sobra ninguén. Repito, ninguén”

-Mais sinálase a lista que encabezas como froito dun pacto de cúpulas de partidos…

-Con todos os respectos, estamos en contra desta cuestión que Luís [Villares] pon riba da mesa. En realidade o que nós trasladamos é que non pode ser que esteamos a deixar de lado todo o tempo as organizacións políticas, que deixemos á marxe persoas con tanta responsabilidade como as alcaldías dalgunhas das cidades máis importantes de Galiza, que deixemos de lado xente que está a traballar en cidades e vilas do país. Isto non pode ser. Se sacamos a toda esa xente, que fica de En Marea? Desde logo, non é o espazo de mudanza, rupturista, do que estamos a falar. Que é unha En Marea onde non estean os alcaldes da Coruña, Compostela ou Ferrol? Onde non estean organizacións políticas que fan parte deste espazo? Onde non estean moitas candidaturas municipalistas?

Entón, non existe acordo entre cúpulas, o que hai é posta en común daqueles puntos en común que consideramos que nos poden fortalecer e sobre os que construír esa proposta alternativa.

“Moitas partillamos a necesidade dun cambio de rumbo en En Marea”

-Apontas a un desacordo coa traxectoria de En Marea nesta última etapa, que entendedes que debe mudar na organización?

-Para nós o preocupante é que haxa moita xente que sinta que este xa non é o seu espazo. Se cada vez hai máis xente que non está cómoda é que temos un problema porque este espazo naceu para ser moi aberto. Se non temos a visión suficiente para achegar toda esa xente, para sumar, para que se sintan cómodos e pensamos en quen nos sobra, é que estamos a facelo mal. Aquí non sobra ninguén, repito, ninguén. Sexa quen sexa. Precisamos de todo o mundo. E o espazo estaba cada vez máis achicado, era cada vez máis estreito e coas portas máis pequenas.

-E que propostas achega Entre todas?

-Consideramos que todas as persoas que están aquí fan un bo traballo, independentemente de que se poidan cometer erros, que iso pásanos a todos. Estase a facer bo traballo no Congreso, no Senado, no Parlamento, nas concellerías… O que nos falta é esa virada para que o espazo sexa moi amplo. Veñen aí unha serie de eleccións fundamentais: municipais, europeas e poida que as xerais; e temos que volver a xerar esa vaga de ilusión que houbo en 2015.

Se cada vez hai máis xente que non está cómoda é que temos un problema 

-Se gaña ‘Entre todas’, cal vai ser o futuro de Luís Villares, seguirá de portavoz parlamentar?

-Iso decidirao o Consello das Mareas, mais todos confiamos en que todos continúen a facer o seu traballo. A Luís por suposto que lle recoñecemos e agradecemos o traballo feito nestes dous anos. Unha cousa é o seu traballo e implicación como parlamentar e outra cousa é a xestión da dirección. Hai unha dirección que considera que En Marea debe levar un rumbo e hai xente que pensamos que debe levar outro. Eu agardo que Luís continúe a facer o seu traballo, o único que mudará se gaña ‘Entre Todas’ é que haberá unha mudanza de rumbo na organización.

-Como entendes que deben ser as relacións de En Marea co resto da oposición política e os movementos sociais?

-Temos que reflexionar permanentemente sobre a xente que falta por chegar. En Marea é un espazo amplo mais se miramos para fóra vemos que hai moita xente traballando e implicada sen estar neste espazo. E hai que ter claros cales poden ser os aliados, falando politicamente, e hai moita xente coa que concordamos en que as políticas que nos levan até aquí son as políticas nocivas do PP e contra iso temos que sumar, facer unha piña política.

Comentarios