Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

“Hai que reforzar o uso real e práctico da lingua”

O Día das Letras Galegas volve pór sobre a mesa vellos e novos problemas que conviven arredor do noso idioma. Pero hai quen traballa día a día para poder arranxalos. Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística desde 2014 e portavoz da plataforma cidadá Queremos Galego, é un convencido da importancia da mobilización social a prol dos dereitos da lingua, da que di, “é cada vez máis activa”. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 296.

[Imaxe: Laura R. Cuba] Marcos Maceira
photo_camera [Imaxe: Laura R. Cuba] Marcos Maceira

6Cal é o estado de saúde do galego?

É un estado de saúde malo. Temos unha lingua que está ferida gravemente pero hai unha sociedade que cada vez ten máis consciencia da situación da lingua e que actúa para mellorala. Se esperamos polo Goberno galego, que é quen ten competencias e posibilidades de actuar, de seguro que estaríamos moito peor. Afortunadamente, a cidadanía é cada vez máis activa. No caso catalán ou vasco, hai accións do goberno a favor da lingua. Na Mesa denunciamos recentemente que só o 4,6% da programación infantil que se emite en televisión está en galego, chegando ao 2,7% na fin de semana. O Goberno vasco acordou coas principais compañías de televisión por cable lexendar ou dobrar ao euskera, como mínimo, as grandes series e producións televisivas, algo impensábel na Galiza. O Goberno da Xunta aplícase un 155 no que ten que ver coa lingua. Os avances do galego débense a que hai unha sociedade que se move. Se hoxe en día hai aseguradoras que ofrecen pólizas en galego –como obriga a lei desde os anos 90– é porque houbo unha grande presión social nese ámbito, non porque a Xunta esixise que se cumprise a lei.

É posíbel entón implementar accións efectivas a prol do uso do galegos en apoio institucional?

É posíbel e a sociedade galega estao facendo. Hai veces que conseguimos avanzar, e outras, a cousa fica parada. As queixas por violación dos dereitos lingüísticos que nós tramitamos fanse noutros territorios a través da propia Administración e non dunha entidade social como é A Mesa. Tamén é certo que a batalla que non se dá é a única que está perdida e, no caso do galego, cada vez hai máis xente sumándose a ela. Só esa actitude é quen de reverter a situación da lingua nun futuro. Aínda así, o apoio institucional é necesario. Unha sociedade sen ningún tipo de recurso máis que a súa propia forza é unha sociedade abandonada. Nós temos a vantaxe de que partimos dunha sociedade que si apoia o seu idioma.

A perda de galegofalantes ten moito que ver co urbano e coa periferia das cidades. É a transmisión interxeracional a única vía para salvar esta situación?

A transmisión interxeracional é un elemento clave, pero hai máis. Cada día aparecen novos produtos que son parte central do lecer das rapazas e rapaces, formatos e contidos onde o galego está absolutamente extinguido, sendo unha auténtica lingua estranxeira. O ensino tampouco cumpre a función de trasladar as competencias orais mínimas para poder falar galego. Estamos ante rapaces capaces de aprobar Lingua e literatura galega como quen aproba Inglés ou Latín. Por suposto, isto non quere dicir que sexa capaz de expresarse nesa lingua. Tampouco hai un ambiente social que axude a mocidade. As nenas e nenos observan día a día unha realidade de exclusión que interiorizan como normal. Cando queren empregar calquera recurso, o galego non está. Nin televisión, nin telefonía móbil, nin xogos ou xoguetes, onde a presenza do galego é dun 0,6%. Se o galego está excluído, é lóxico que ninguén queira estar nesa situación de exclusión.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 296, á venda nos quiosques e na loxa]

Comentarios