Opinión

Hai partido

As enquisas electorais galegas publicadas no postconfinamento concordan en lle prognosticar ao PP de Feijóo unha cómoda maioría absoluta, que era moito máis dubidosa en febreiro, antes da emerxencia sanitaria. Porén, os dados dos que dispomos non son tan nidios nin unívocos. A radiografía electoral galega das eleccións estatais, europeas e locais de 2019 reflicten unha maioría de case dez pontos porcentuais entre os votos ás forzas de centro-esquerda a respecto dos obtidos polo PP, Cs e Vox. Mesmo na recente enquisa do CIS a suma de voto directo e proximidade do BNG, PSdeG e Galicia en Común sobarda á do PP, Cs e Vox. Está tamén a dúbida da participación nesta crise pandémica e, moi nomeadamente, a moi relativa fiabilidade das enqusas diante dunha porcentaxe de indecisos que sobarda o 30%. Fica case toda a campaña por diante, comezando polo debate do luns 29-X na CRTVG, que pode ser fulcral para confirmar se hai partido.

A enquisa do CIS reflicte dados moi importantes cara ao traballo futuro do galeguismo político, do soberanismo, nucleado arestora arredor do BNG. O 30% da cidadanía galega estaría por un Estado autonómico no que Galicia acadara máis poder (22,6%), até mesmo a posibilidade da súa independencia (7,4%). A maioría (40,7%) está polo actual Estado autonómico e só un 21,6% por un Estado autonómico con menos competencias para Galicia ou por un Estado unitario. Coas correccións que se tiran dos que nin saben nin respostan, un terzo da cidadanía galega está por máis autogoberno e case un 45% está por manter o limitado autogoberno actual. Un campo de traballo amplo, xa que logo, para o galeguismo.

Tendo en conta a enxurrada de mensaxes e propostas recentralizadoras dos últimos dez anos hai país abondo para que agrome o traballo político do soberanismo galego. Velaí que cumpra conectar autogoberno e máis e mellor autogoberno con máis benestar e calidade de vida. Que cumpra mallar na idea de que os elementos do binomio autogoberno-benestar medran en relación directa o un co outro.

Comentarios