O sector crítico mantén a participación nas primarias de En Marea

En Marea, hai partido

'Entre Todas' mantén a candidatura para as primarias que arrancan este sábado após valorar seriamente retirarse das mesmas por falta de arantías. Así pois, até as 9:00 do 24 as persoas inscritas poderán votar entre dúas candidaturas, a do sector crítico e a liderada por Luis Villares. Esquerda Unida, porén, considera que non se dan as "condicións democráticas para votar".

en marea plenario

Voltas, reviravoltas e máis voltas durante días mais finalmente hai partido. Nas primarias de En Marea -reactivadas esta semana e que decorrerán desde este sábado ás 9:00 horas até as 9:00 horas do 24- concorrerán as dúas candidaturas: a de Luis Villares (Coidando a Casa) e finalmente tamén a encabezada por David Bruzos (Entre Todas). Entre elas poderán optar as máis de 4.000 persoas inscritas no proceso.

Houbo sectores de 'Entre todas' que mantiveron as dúbidas sobre participar até o final: Podemos e Esquerda Unida. Outros, como o alcalde de Compostela ou Anova, xa se pronunciaran nas últimas horas a favor de facelo. Anova, aliás, chamando a facer das votacións un 'revogatorio' da dirección de Villares. Esquerda Unida, nun comunicado, considera que "non se dan as condicións democráticas para votar".

Votaremos para restituír a verdade e a democracia interna en En Marea", din desde 'Entre Todas'

"Todas as accións promovidas pola Coordinadora de Luís Villares nas últimas semanas estiveron dirixidas a desmobilizar aos inscritos críticos para garantirse o control do partido instrumental con independencia da vontade maioritaria das persoas inscritas", afirma 'Entre Todas' nun comunicado.

Algúns sectores dos críticos manteñen serias dúbidas sobre o sistema de votación elixido finalmente pola dirección para as primarias e avisan que estarán "vixiantes" ante posíbeis irregularidades que se poidan producir.

David Bruzos, cabeza de lista da candidatura ‘Entre Todas’, considera que “as decisión de Luis Villares neste último mes inhabilítano como líder de En Marea” no plano orgánico. Unhas declaracións que fixo esta sexta feira á Radio Galega. A actuación da dirección de En Marea a respecto do comité electoral cualifícaa Bruzos de  “asalto completo” para controlar este órgano.

Comentarios