Opinión

Había unha vez un rato ...

Si, podería ser o comezo dun conto, dun conto tradicional, deses que se presentan como unha historia inventada, non localizada nun tempo nin nun lugar determinados, con animais como protagonistas ...

Si, podería ser o comezo dun conto, dun conto tradicional, deses que se presentan como unha historia inventada, non localizada nun tempo nin nun lugar determinados, con animais como protagonistas ... 

Podería ser

Tamén se podería tratar dunha lenda, un deses relatos que nos presentan a historia como un feito real, verdadeiro, verosímil, que acontece nun tempo e nun espazo determinados, con personaxes dotadas de poderes sobrenaturais e cuxa finalidade é transcendental, isto é, pretende explicar feitos históricos ou naturais, como que os tres derradeiros xerentes do Fondo Monetario Internacional estean implicados en algún escándalo.

"Que cousa cousiña é que roe e non remoe, e pensa que a fraude forma parte do salario?"

Podería ser

Ao mellor non é conto nin lenda, e si trabalinguas, esas peciñas que poñen a proba a nosa dicción: 

O rato, rillote riseiro, roe sempre, serra e arrabuña nas tarxetas tarabincuntiladas
 
Tamén podería ser.

Trabalinguas, lenda ou conto, xéneros ben abondosos na nosa literatura popular, o caso de rato vai moito máis alá e daría para ocupar tamén varios andeis con outras pezas de literatura popular en verso e en prosa

Claro que a literatura popular  podería botar man dunha adiviña para explicar o misterio do rato: 

Que cousa cousiña é que roe e non remoe, e pensa que a fraude forma parte do salario?

"Cada rato para o seu burato debeu ser a consigna que máis funcionou neste tempo entre os conselleiros de Bankia" 

Mais sen dúbida, o refraneiro atopa no rato unha fonte enorme de inspiración e  a ese repertorio de sabedoría popular debeu acudir o noso protagonista, o RATO, para se converter no máis exitoso dos ratos, capaz de ditar a política económica para medio mundo e algo máis. 

Cada rato para o seu burato debeu ser a consigna que máis funcionou neste tempo entre os conselleiros de Bankia e seguro que alguén pensou que Entre o rato e o león, non hai comparación aínda que talvez sexa mellor mudar o refrán e dicir que entre o oso e o rato, hai trato.

En fin, comeza a me andar o rato na barriga así que me despido cunha cantiga: 
Señor Alcalde Maior,
poña xusticia nos ratos,
que fun á noite ó muiño
e rilláronme os zapatos. 

Comentarios