TARIKU NOVALES, ATLETA

"Gustaríame estar na elite do atletismo, entre os cinco ou dez primeiros"

Tariku Novales naceu en Etiopía en 1998 mais desde os seis anos vive en Ames, onde tomou contacto co atletismo. Comezou no Club Atletismo Noia, co que vén de gañar o título de campión a nivel estatal na proba de 3.000 metros e co que chegou no posto duodécimo no Campionato do Mundo de xuvenís que vén de ter lugar en Cali (Colombia).

Tariku Novales.
photo_camera Tariku

Como chegou ao atletismo?

En Etiopía e Kenia, o atletismo é un deporte moi valorado e moi seguido pola xente. De feito, o atletismo puxo no centro do mundo estes países durante moitos anos. Eu, de pequeno, xa tiña coñecemento de atletas do meu país, mais tomei contacto real co atletismo ao pouco de chegar a Galiza. Foi grazas a un compañeiro de traballo de miña nai, que a informou sobre o Club Atletismo Noia e animoume a participal del. Foi moi boa decisión, xa que pasei os mellores momentos da miña vida no atletismo e no Club Atletismo Noia.

Que supón para vostede ser o número 12 a nivel mundial?

Partía no posto 21 entre todos os atletas que participan no mundial e o meu obxectivo primordial era tratar de pasar á final. Coas marcas que había, sabía que podía optar á final, mais non era doado. O feito de correr unha semifinal e de clasificarme o primeiro por tempos deume moi boa expectativa de cara á final. Ter pasado á final xa foi un obxectivo cumprido. Porén, na final non me sentín nada ben porque corrín moi canso. Podía ter optado a quedar máis adiante, mellorando a marca, pero estaba moi nervioso e canso. A nivel global, tirei boas conclusións da temporada.

O seu esforzo deu froitos…

Si, estou vendo que o esforzo diario dá a súa recompensa, aínda que ás veces non é así. As experiencias internacionais foron marabillosas, veste competir cos mellores do mundo e ti estás entre eles. Eu só penso en facelo mellor para o ano que vén, en poder estar no mundial junior. Nada é imposíbel.

Non gañei carreiras por non correr ben de cabeza e por non saber xestionar os nervios

Falaba dos nervios da final do mundial disputado en Cali. Como xestiona a presión que sente?

É un tema bastante complicado porque no fondo hai que ter moita cabeza, saber xestionar ben os nervios e as capacidades. Até hai ben pouco custábame controlalo e por culpa dos nervios e da presión non teño gañado carreiras por non correr ben de cabeza. Ultimamente, xestiono ben as probas. Por exemplo, no campionato de España tiven que manexarme e fun que de non saír correndo demasiado rápido, de maneira que non tiven que pagalo na parte final. Cando corres, tes que estar moi concentrado e ver os movementos dos rivais, para responder a eles antes de que sexa demasiado tarde. Sobre todo, hai que saber cando é movemento idóneo para realizar un ataque. Foi así como puiden acadar o título de campión de España.

Como se sentía nos últimos metros do campionato estatal sabendo que se estaba xogando o título?

No campionato de España a proba decidiuse no sprint final, nos últimos 200 metros. Foi unha carreira moi táctica e lenta. Estábamos todos moi agrupados até o último quilómetro. Chegamos aos últimos 100 metros tan só tres persoas e aí foi onde nos xogamos as medallas. Cando comecei o sprint estaba indo ao límite da velocidade e cando me vin gañador foi un momento moi especial, pois acabada de bater un gran rival internacional, Miguel González. Sentinme pleno neses últimos metros e disfruteinos moitísimo malia estar moi caso e malia as condicións duras, xa que corremos ás 19h en Ciudad Real a 40 graos.

Ao principio da temporada non nos podíamos imaxinar que chegásemos á final do mundial

E na última parte da proba de Cali?

Ao principio da temporada non nos podíamos imaxinar que chegásemos á final, mais na propia carreira acabei un pouco decepcionado. Non podía dalo todo. Corrín a mil metros de altitude, cunha humidade e unhas temperaturas moi altas e cheguei apenas dous días antes da proba, sen tempo para afacerme ás condicións.

Que sente e que pensa ao agacharse segundos antes do disparo de saída en cada proba?

Aí é cando realmente empezan a tensión e os nervios. Podo estar nervioso antes de correr, pero o momento do disparo e o mais álxido dos nervios. Hai que estar moi centrado. Nese intre estou moi ansioso por que empece a proba e por que saia o mellor posíbel.

É dura a vida dun atleta na adolescencia?

Para min, non o é. De feito, até hai par de anos, o atletismo era para min unha diversión, aínda que sempre me gustou competir e gañar e me sentía frustrado cando non o conseguía. Eu non o vexo duro, mais penso que depende tamén da actitude de cadaquén. Adestro á semana entre 4 e 5 días e entre 1h e 2.30h, dependendo do momento da temporada. Realizo adestramentos diferentes ao do resto dos atletas. Fronte aos que buscan meter moita caña nos adestramentos, nós buscamos meter o mínimo posíbel desa caña e metela xusto nos últimos momentos antes dunha competición para afinar. Buscamos máis rodaxe, controlar as pulsacións do corazón… non son adestramentos tan esixentes.

O atletismo é máis que as carreiras de fondo

Que lectura fai da eclosión das carreiras populares?

O deporte popular é unha maneira sobre todo de achegar a carreiras de fondo, pero o atletismo é máis que iso. Agora hai moitísima xente afeccionada ao running e que sae correr por calquera punto de Galiza, mesmo participan en probas populares e en maratóns. É unha maneira de achegarse ao atletismo, mais non ao de pista. As carreiras populares están moi ben porque animan moita xente a correr, mais a meirande parte da xente que participa nelas non ten moita idea do resto do atletismo.

Cales son as súas expectativas de competición a medio e longo prazo?

A medio prazo sería clasificarme para o mundial junior. Este é o grande obxectivo da temporada que vén. A máis longo prazo, quero seguir competindo ben a nivel estatal e internacional para poder chegar á elite do atletismo europeo e mundial entre os cinco ou os dez primeiros.

Comentarios