Guitiriz homenaxea Jonathan Carro poñendo o seu nome ao pavillón municipal

O desaparecido ximnasta foi un pioneiro da rítmica.
O ximnasta Jonathan Carro. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O ximnasta Jonathan Carro. (Foto: Nós Diario).

O Concello de Guitiriz levará ao pleno que ten previsto desenvolver mañá, quinta feira, a aprobación definitiva para bautizar o pavillón municipal co nome de Jonathan Carro, ximnasta do municipio e pioneiro da ximnasia rítmica masculina.

Este deportista, falecido a principios de 2020 con só 26 anos de idade a causa dunha leucemia, estaba moi vinculado coa súa terra natal, onde formou parte das Escolas Deportivas locais, das que tamén foi profesor.

Así, esta instalación pasará a chamarse oficialmente 'Pavillón polideportivo municipal Jonathan Carro', o que para a alcaldesa Marisol Morandeira representa "unha pequena homenaxe que facemos por parte Concello a unha persoa como Jonathan, cunha gran traxectoria tanto persoal como deportiva, e que sempre foi valente dedicándose ao que lle gustaba e enfrontándose aos estereotipos".

Ademais, desde o Concello de Guitiriz informan de que se notificará este acordo á familia, emprazándoa aos actos conmemorativos que se levarán a cabo para facer efectiva esta distinción honorífica.

Rachando barreiras nun deporte estigmatizado

Jonathan Carro foi un pioneiro da ximnasia rítmica, un deporte considerado exclusivamente feminino, até o punto de que nos mesmos Xogos Olímpicos non se desenvolve a modalidade masculina da proba.

Non obstante, iso non impediu que Jonathan realizase a transición desde a danza, disciplina na que se iniciou, para crecer como deportista nas mesmas Escolas Deportivas das que anos despois sería profesor.

A súa contribución sería recoñecida en distintas galas de premios, así como por compañeiras como a lendaria Almudena Cid, que no seu momento destacou da súa figura que "rachou barreiras".

Comentarios