Guillerme Vázquez lembra que "as eleccións están abertas"

O voceiro nacional do BNG sitúa a súa formación como “a esperanza” fronte un Feijóo que simboliza “a desesperanza” e chama á participación.
Guillerme Vázquez en Pontevedra
photo_camera Guillerme Vázquez en Pontevedra

O intento de desmobilizar o electorado que desexa un cambio profundo en Galiza está a ser unha das armas máis utilizadas polo PP e os seus achegados nesta campaña electoral. Porén, a realidade é outra e fronte a uns titulares continuos que buscaría ofrecer unha imaxe de vitoria segura da dereita, novas enquisas amosan a complexidade do escenario e a real posibilidade de de Feijóo perda a maioría absoluta. Mais semella que para iso deberá darse unha clara mobilización d@s votantes de esquerda. Nesa mensaxe abondou o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, durante un reparto de propaganda en Pontevedra, onde afirmou que “o partido está aberto, as eleccións non están decididas”. “A chave da derrota do PP é o ascenso electoral do BNG, e por iso pedimos a todos os galegos e galegas que reflexionen e voten BNG, onde estamos convencidos de que somos moitos e moitas máis quen queremos un cambio de rumbo e por iso o domingo estou seguro de que ese cambio de rumbo se vai producir”, engadiu. 

Guillerme, que estivo acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, salientou que “o 21 de outubro temos que elixir entre a desesperanza que representa o PP e Feijóo ou a esperanza que representa o BNG”. “O BNG está disposto a dar a batalla para facer realidade unha aspiración fundamental: o dereito a vivir e traballar na Galiza con dignidade. A estas alturas está claro que ou ben optamos por máis Feijóo, que é o mesmo que máis Rajoy e máis recortes e centralismo, máis desastre económico e social, ou apostar polo Bloque”, dixo o voceiro nacionalista.

Vázquez tamén se referiu á polémica dos contratos con Pemex ao sinalar que “parece que a solución dos tremendos problemas de Galiza vai ser a construción de dous barcos”. “Para que non sufra o señor Feijóo, por min e polo BNG ogallá se constrúan dous barcos nos estaleiros galegos, mais o problema do sector naval é que se está caendo a anacos: en Ferrol porque existe un veto á construción naval civil e o PP non fai nada para levantalo, e porque non se constrúe o dique flotante; e no caso de Vigo, porque hai un tax lease e o señor Feijóo e o goberno de Rajoy son incapaces de petar na mesa para pedir condicións iguais para todos”, explicou o dirixente do BNG.

Comentarios