Opinión

Unha "guerra" inducida contra a COVID-19

"El virus no entiende de territorios", "Vamos a ganar esta guerra frente al coronavirus" son algúns dos lemas máis repetidos polo Goberno español e pola mass media durante a crise sanitaria que estamos vivindo. É rechamante que aínda sexa necesario incidir en que se trata dunha crise sanitaria, xa que con sentenzas deste tipo parece máis ben que estamos diante dun conflito bélico. Isto non é casualidade. O Goberno español aproveitou a crise para fomentar o españolismo mediante medidas centralizadoras e unha preocupante militarización das rúas. O uso deste léxico bélico reforza esta idea de ter que vencer un inimigo alleo mediante o uso da forza, e dá lugar á chegada de discursos racistas e xenófobos.

Unha pandemia por suposto entende de territorios, para iso existe a epidemioloxía. Neste senso, era preciso illar os focos de contaxio o antes posíbel, algo que xa reclamaron diversas forzas políticas no caso español coa Comunidade de Madrid. Esta medida foi adoptada na China, e posteriormente por países europeos como Italia. Con todo, no Estado español esta lóxica non funciona e aplicouse a máxima de "padece Madrid, padecemos todos".

Neste contexto, a escalada autoritaria que viña sufrindo o Estado español adopta outras formas: o papel dos corpos e forzas de seguridade do Estado está sendo branquexado dende os medios de masas con noticias sensacionalistas que pouco teñen que ver coa súa función real represiva. As imaxes de abusos de autoridade, a militarización das rúas co medo e inseguridade que iso xera, son xa unha constante. Ademais, estivemos observando condutas totalmente incívicas na sociedade, proferindo insultos a persoas que circulan pola rúa, actuando de espías e policías afincados nas varandas. Unha vez máis, o individualismo parece vencer á loita colectiva e á solidariedade.

É curioso que nunha crise sanitaria participen máis cargos policiais e militares que sanitarios nas roldas de prensa emitidas nas horas de maior audiencia. As mensaxes trasladadas adoitan estar ateigadas de loanzas á bandeira e á nación españolas, incluso poñendo en "mans de Deus" o noso futuro, chegando a darse máis importancia a opinión e o papel da Igrexa e do Vaticano durante esta crise que informar axeitadamente sobre os avances científicos na loita contra a COVID-19.

O papel do rei Felipe VI durante esta crise sanitaria foi lamentable e mostra que a figura do monarca non é funcional na sociedade actual. O seu único aporte foi un discurso ateigado de españolismo, empregado ademais para agochar un dos maiores escándalos da Casa Real española, no cal o monarca resultou beneficiario dunha sociedade offshore creada polo rei emérito.

En definitiva, cómpre reflexionar sobre unha nova realidade que, de seguro, será diferente á que coñeciamos. Iso si, sempre camiñando cara un futuro de loita, de mobilización e de conquista de dereitos para acadar unha sociedade máis xusta.

Comentarios