A guerra comercial EUA-China, no primeiro ‘Fálase de...’ organizado pola AS-PG

O ciclo de faladoiros que se desenvolven na Deputación de Pontevedra botou a andar cuarta feira, 20 de novembro, coa primeira sesión.

Pazo da Deputación de Pontevedra (wikipedia)
photo_camera As instalacións da Deputación de Pontevedra acollen o ciclo (wikipedia)

Marola Padín, analista do Igadi e membro do Observatorio de Política Chinesa, e Fernando Arrizado, xornalista da sección de Internacional de Nós Diario, debateron na cuarta feira, 20 de novembro, sobre as causas e consecuencias da actual guerra comercial entre as dúas potencias económicas de Oriente e de Occidente, a China e os EUA, no primeiro do faladoiros do ciclo «Fálase de...».

Despois dunha breve introdución histórica para contextualizar o tema de debate, Padín e Arrizado afondaron nos aspectos que máis directamente afectan a economía galega. O formato permitiu un maior dinamismo na exposición, ao termo da cal as persoas asistentes puideron realizar diversas preguntas e expoñer as súas reflexións.

O acto estivo presentado pola representante da Asociación Socio-Pedagóxiga Galega María Bará. Tamén estivo presente a deputada provincial de Patrimonio, Memoria Histórica e Lingua, María Ortega, que foi a encargada de inaugurar este ciclo de faladoiros.

A AS-PG organiza o ciclo de conversas «Fálase de...» co patrocinio da Deputación de Pontevedra. Estenderase durante os meses de novembro e decembro e reunirá protagonistas e expertas en diversos temas de actualidade. Todos os encontros están previstos para as 20 horas e desenvólvense no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación.

Comentarios