O Guardés xoga fronte ao Pereda o seu primeiro partido con público

Este sábado (19 horas) dispútase a terceira xornada da Liga Guerreiras Iberdrola ante un máximo de 300 persoas. O equipo galego chega cunha vitoria e unha derrota.
guardes_balonman
photo_camera A xogadora do Atlético Guardés Carla Gómez pelexa cunha rival para gañar a posición e recibir (CB Atlético Guardés)

A reacción do Guardés. Iso é o que quere atopar hoxe José Ignacio Prades no partido que medirá as súas xogadoras co Uneatlántico Pereda (19 horas) nun Pavillón da Sangriña que, por primeira vez esta tempada, contará con afeccionados nas bancadas até un máximo de 300 persoas. A terceira xornada da Liga Guerreiras Iberdrola chega para o conxunto guardés tras varias semanas de descanso na competición en que o traballo do equipo non se detivo.

"A primeira semana foi de descarga, a segunda xa foi máis intensa; mentres, as xogadoras lesionadas continuaron a traballar na súa recuperación, e ademais as convocadas coas súas seleccións tamén mantiveron o ritmo", explicou Prades. 

Esta semana, co regreso de Paula Arcos (Selección española), Patrícia Lima e Sandra Santiago (Selección portuguesa) e Erika Rajnojová (Selección eslovaca), "o grupo ao completo xa se centrou en preparar o partido de mañá contra o Pereda", apuntou o técnico.

O maior condicionante continúan a ser as baixas: África Sempere, Martina Mazza, Rosario Urban e Sarah Valero continúan a recuperarse e non contan para este choque (Laura Morais era dúbida até última hora). Unha situación que obrigou a Prades a facer unha "reorganización" do traballo.

Tres partidos no mes

Mañá, o Atlético Guardés, cunha vitoria (Lanzarote) e unha derrota (Bera Bera) ten unha oportunidade para se resarcir e marcar un camiño positivo nesta quenda de tres xornadas consecutivas para o mes outubro: "Agardo que xogando na casa e ademais con público se vexa a reacción do grupo e saquemos o que non soubemos facer en Donosti", desexou Prades. O técnico apunta que é un "bo momento, malia as baixas, para que o grupo faga clic". 

O técnico confesou que o resultado contra o Bera Bera foi máis doloroso do esperado. "Na segunda parte desconectamos e pagámolo caro, aínda así houbo detalles positivos", analiza.

Pereda, Zuazo e Aula Valladolid esperan no horizonte máis inmediato para "seguir sumando en tres partidos moi complicados con puntos que van valer e decantarán quen está arriba e quen abaixo", vaticinou Prades.

En relación ao rival de hoxe, o Uneatlántico Pereda, que se estrea na Liga Guerreiras Iberdrola, Prades sinala que "mantiveron o groso de xogadoras do ascenso e souberon elixir moi ben os seus reforzos". 

O equipo cántabro, cunha derrota pola mínima contra o San José Obrero e outra máis avultada contra o Aula (xogaron un amigábel hai uns días co Bera Bera, perdendo 27-33) presenta "xogadoras que che poden facer moito dano", como as brasileiras Danielle de Sousa ou Isaura Menín, chegadas do Grafometal La Rioja e Rincón Fertilidad Málaga, respectivamente. 

Público nas bancadas

"Todo o mundo está a agardar o regreso do público á Sangriña, o club e a xunta directiva están a traballar moito para que todo vaia ben mañá [por hoxe]", afirmou Prades. Até 300 persoas poderán acceder ao partido tras xogar a porta fechada contra o Lanzarote-Puerto del Carmen.

Os socios do Atlético Guardés na tempada 2020-2021 deberán presentar a súa reserva de asento, que entre as 11 as 13 horas de hoxe aínda se poderá retirar en caso de que aínda queden dispoñíbeis. Os deportistas da base do clube deberán ir acompañados dunha persoa adulta  con carné de socio para acceder. 

Comentarios