Escándalo en Venezuela

Guaidó fotográfase con narcos paramilitares colombianos

O opositor venezolano Juan Guaidó, autodenominado “presidente interino”, volve estar no ollo do furacán. Pero desta volta por unhas fotografías en compañía pouco recomendábel: co membros de Los Rastrojos, banda paramilitar que trafica con drogas na fronteira entre Colombia e Venezuela.
guaidó
photo_camera Imaxes de Juan Guaidó con membros da banda paramilitar Los Rastrojos difundidas polo Goberno de Venezuela.

As imaxes trascenderon esta quinta feira cando o presidente da Asemblea Nacional Constituínte de Venezuela, Diosdado Cabello, amosounas en televisión. Segundo informa TeleSur, Cabello explicou que as fotos demostran que Gauidó recibiu axuda do grupo paramilitar colombiano para moverse pola raia venezolano colombiana o pasado 23 de febreiro, xornada dun concerto de apoio ao golpista.

Los Rastrojos están relacionados “con ducias de actividades delitivas” na zona, que inclúen secuestros, narcotráfico ou contrabando de gasolina. Apenas unhas horas despois de que as fotografías visen a luz pública, o Goberno colombiano -presidido polo conservador Iván Duque- anunciou a detención dos dous membros da banda paramilitar que aparecen nas imaxes con Guaidó: John Jairo Durán Andrade, Menor; e Albeiro Lobo Quintero, Brother.

Apoiado polos Estados Unidos -nunha decisión da que Donald Trump medio se desmarcou recentemente despois de cesar o seu secretario de Estado John Bolton-, Juan Guaidó autoproclamouse “presidente interino” de Venezuela o pasado xaneiro. Á súa acción seguiulle o recoñecemento dalgúns países, arredor de medio cento, entre eles Estados Unidos. Mais os seus chamados á insurrección contra o Goberno de Nicolás Maduro non fixeron o efecto que agardaba e pouco a pouco a súa figura foi esluíndose.

Comentarios