TRES MIL DISCOS VENDIDOS EN DOUS MESES CON "LUAS DE OUTUBRO E AGOSTO"

Guadi Galego: “O corpo pedíame arriscar co pop e o resultado foi que viñeron novos públicos”

Tres mil discos vendidos en dous meses é unha marca difícil de igualar na música galega. Conseguiuno Lúas de outubro e agosto, de Guadi Galego. Máis de sesenta mil persoas viron nese tempo o videoclip da súa canción “Matriarcas”, que orixinou tamén un debate arredor da maternidade. Guadi Galego bota a andar agora a xira de presentación do disco. 

Guadi Galego
photo_camera Guadi Galego

Nas lúas cheas de outubro e agosto naceron o seu fillo e a súa filla. Agora dan título a un disco no que agroman as emocións e os sentimentos. Guadi Galego vólvese pop en Lúas de outubro e agosto, o seu segundo disco en solitario despois daquel Benzón que asinou hai cinco anos.

-Vender tres mil discos en apenas dous meses é toda unha marca na música galega, cal é o segredo de Lúas de outubro e agosto?

A verdade é que foi unha sorpresa. Non agardaba que acontecera con esa intensidade. Neste momento esgotamos a primeira edición e vaise facer outra. Pode responder a que este é un disco distintos ao que a xente agardaba mais, ao mesmo tempo, non deixaba de ser un disco meu. Dalgunha maneira, conseguiu enganchar a xente que até agora non o fixera e, por outra parte, ao meu público non lle resultou tan estraño. Non teño as claves para que o disco gustara tanto... talvez a súa frescura. 

-Comeza agora a xira de presentacións, ese suceso do disco vaise corresponder cunha grande resposta nos concertos ao vivo?

Unha xira de teatros, pero de aí para adinte, abrimos en marzo con teatros .A xira bota a andar  6 de marzo en Oleiros, sigue o 7 en Vilagarcía, o 8 en Ourense, o 21 en Redondela e o 28 en Cedeira.  A partir de aí virá xa Compostela e Lugo. Non sei ben como influirá o resultado do disco nos directos mais, o que si é certo é que se nota certa expectación maior que noutras ocasións. 

-Do disco, a canción “Matriarcas” sentiuse especialmente, tanto polas máis de 60.000 veces que se viu o videoclip como polo debate que produciu dentro do feminismo a respecto da maternidade. 

A verdade é que tanto esa cantidade de veces que se viu o videoclip como o debate foron tamén inesperados. A  canción, ao meu ver, non deixa de ser un tema de amor con certa ironía, en especial con respecto aos homes. O debate produciuse arredor do tema da maternidade e a un sector do feminismo non lle gustou o tratamento Eu estou co feminismo da diferencia e creo que a maternidade é parte das mulleres que somos nais. Foi unha canción tamén persoal na que tentei expresar o que sentía. A canción foi unha revolución e non contabamos con tanta aceptación. Converteuse en viral. No videoclip hai moitas mulleres reais e a xente síntese identificada con elas. Defendo que o sentimento do matriarcado existe na Galiza e esa maneira de verbalizalo con música fixo que moita xente se sentise próxima.

-As mulleres e a maternidade é un dos principais temas do seu novo traballo?

Moitos dos temas xiran arredor da muller mais non só da maternidade. Para se sentir matriarca non hai que ser nai biolóxica. Moitas non teñen fillos. Na Galiza hai unha chea de mulleres que coidaron de sobriños, que levantaron casas con xente maior sen seren elas mesmas nais. Non se cingue ao tema da maternidade mais si é certo que cando escoitas o disco percibes que as mulleres están presentes, teñen un destaque especial. Malia iso, non foi algo premeditado. Os temas saíron así pode ser porque, máis que nunca, tiña presente a condición de muller na miña vida.

-Polo que di, pola autoría e porque responde tamén, en certa maneira, ao seu momento biográfico, é este o seu traballo máis persoal?

Sete de dez temas son meus, tanto na composición da música como na letra. É moi persoal desde o momento en que todas son cancións inéditas, de autoría propia. Non hai temas tradicionais como si acontecía no anterior disco. A música tradicional pulula dentro de min e, de feito, hai moitas letras e músicas que teñen o aroma da terra, da tradición. Ese arrecendo existe e apréciase mais desapareceu aquela presenza directa con temas tirados directamente da música popular.

-Desde Benzón, o seu primeiro disco en solitario, publicado en 2009, pasaron cinco anos. Por que demorou no seu regreso?

A vida está chea de circunstancias, de feitos que, dunha maneira ou outra, van conducindo a túa biografía. Antes de poñerme de novo cun disco en solitario naceu aCadaCanto, con Xabier Díaz e Guillerme Fernández, que era un proxecto que tiñamos pendente. Tiven o meu primeiro fillo e non era posíbel máis nada.

-Ademais de aCadaCanto, participou en Berrogüetto, Nordestinas ou Espido. Este novo disco adiviña un futuro en solitario?

De momento vou defender este disco e non sei que farei máis adiante. Traballar con outras persoas enriquéceme e pode ser que no futuro volva participar en proxectos colectivos. Todo será segundo o momento que viva.

-Por que se decidiu por un traballo tan pop?

Certamente é totalmente pop. O regusto da tradición está nas melodías e nas letras mais non ten a presenza de Benzón. Apetecíame moito tirar por esta vía. Darlle un gusto distinto pareceume un risco interesante despois de vir do folque. Defendo que hai que facer o que che pide o corpo e a min pedíame pop. Pensaba hai un anaco que desde que empecei fixen sempre cousas moi distintas. Rosalía XXI é un disco con linguaxe jazz e regusto contemporáneo e a ninguén lle estrañou que dese eu voz a Rosalía. Agora posibelmente resulte máis chamativo por ser pop porque en galego non hai moito. Pop existe mais non de forma tan contundente como neste caso.

-Emocións e sentimentos son ingredientes básicos da súa música?

Son a esencia. Se non hai sentimentos e emocións non ten sentido, fanme ser o que son. Quero ser de verdade nas miñas cancións, cos meus defectos e virtudes. A música está dentro de min desde pequena. A miña familia e boa parte das miñas amizades viven a música de maneira intensa e forma parte das nosas vidas e iso tamén se deixa ver no que fago. A música ten moita forza e pode cambiar mesmo o estado de ánimo. Contribúe a que sexamos máis felices. 

Comentarios