O grupo de Villares non participou na votación telemática entre Candedo e Sande

José Manuel Sande, concelleiro de Cultura en funcións da Coruña (Marea Atlántica), é a proposta con máis apoios no grupo parlamentar de En Marea para ser designado como senador en representación da comunidade autónoma. Iso era o esperado dada a correlación de forzas interna, e iso foi o que ficou de manifesto na votación telemática realizada esta cuarta feira. A noticia é que o grupo de Villares abstívose de participar na votación, cuxo resultado non recoñece. No reconto, Sande obtivo 8 votos, en tanto que Mariló Candedo —a proposta da En Marea oficial— só conseguiu un apoio. Villares tentou sen éxito unha vía de consenso e até chegou a propor Manuel Lago, dirixente próximo a Esquerda Unida, como ponte coa tríade Podemos-Anova-EU.

[Imaxe: Concello da Coruña] Á dereita, David Barro, e á esquerda, J.M. Sande.
photo_camera José Manuel Sande, á esquerda, durante a inauguración dunha exposición.

En Marea partido é minoritaria dentro de En Marea grupo parlamentar. Nesa situación paradoxal vive a confluencia no Pazo do Hórreo. Esa contradición explica que as propostas dos órganos de dirección de En Marea partido non teñen a menor posibilidade de se abrir paso no Parlamento se non dispoñen do nihil obstat do triángulo Podemos (formación maioritaria no grupo)-Esquerda Unida e a Anova do solitario deputado Antón Sánchez. No asunto da designación do escano que lle corresponde á oposición no Senado, a minoría de En Marea no grupo parlamentar que leva o seu nome ficou escandalosamente en evidencia: a proposta de Mariló Candedo non tiña a menor hipótese de prosperar, pois só contaba con 4 apoios potenciais. Fronte a ela ergueuse o nome de José Manuel Sande, concelleiro de Cultura en funcións na Coruña, o 26M ausente na candidatura da Marea Atlántica.

No primeiro combate interno, no decurso da última reunión física do grupo parlamentar de En Marea, xa se viu con clareza que non había espazo para o consenso entre a En Marea de Villares e as formacións críticas. "O problema non é Mariló, da que temos unha boa opinión. O problema é que é unha proposta de parte", dixeron a Sermos fontes da tríade Podemos-EU-Anova, conscientes en todo momento da súa situación de maioría no Pazo do Hórreo (10 contra 4). As mesmas fontes avogaban por que se presentase unha opción sen vínculos partidarios. Ou sexa, José Manuel Sande. Desde o villarismo alegábase que Sande, do que tamén En Marea oficial afirma ter unha impresión positiva, non era precisamente un candidato independente, ao situalo nas proximidades das forzas de ámbito estatal.

Colocadas así as pezas no taboleiro, a cuestión ficou adiada para unha nova reunión que nunca tivo lugar. Os 14 xa non teñen corpo para se veren fisicamente, de xeito que desde o sector crítico se propuxo unha votación por Telegram, a aplicación de mensaxería favorita de Podemos. Esta cuarta feira, Villares quixo introducir unha xiradela no guión. Unha nova bola entrou no campo. A dun nome de consenso. Rularon as mensaxes. Incerteza. Especulacións. Cábalas. De quen se trataría? Finalmente sóubose que a proposta era Manuel Lago. O economista e deputado desbotouse a si propio. E as pezas voltaron a estar na mesma posición, enfrentadas. Sande ou Candedo. Púxose en marcha a votación en Telegram. O villarismo fixo circular a consigna. Non votaremos. E no votaron. 8 a 1 gañou Sande.

Ao fío das 22 horas, En Marea partido enviou un comunicado aos medios cun titular que convidaba a pensar que o villarismo non recoñecía o resultado da votación: "En Marea non acepta a votación do grupo parlamentario para a designación autonómica ao Senado ao considerala unha imposición de Podemos". Na nota oficial o grupo de Villares criticaba a "desgana democrática" e a "verticalidade" coa que estaría actuando "Unidas Podemos" [eludíndose calquera referencia a Anova]. "En Marea considera a votación como unha imposición dun grupo que quere ditar o seu criterio e que transparenta a súa desgana para chegar a acordos", alegaba.

A desautorización da votación deita dúbidas sobre o desenvolvimento futuro dos acontecimentos. Formalmente é Luís Villares quen debe rexistar perante o Parlamento a candidatura de Sande, que En Marea partido non só non apoia, senón que a considera ilexítima. Que ocorrería se Villares se nega a formalizar a proposta? Que moi previsibelmente sería substituído na portavocía. Nese caso o verosímil é que se producise a ruptura definitiva entre villaristas, obrigados a desembarcar no grupo mixto, e críticos. O cisma sería cruento e beneficiaría directamente o PSdeG, que recuperaría a súa condición de segunda forza parlamentar (perdida nas eleccións de 2016) e, por tanto, recobraría tamén o dereito a designar o senador por designación autonómica que lle corresponde á oposición.

"Temos que chegar a un acordo, calquera cousa antes que lle regalar o senador ao PSdeG", dixeron a Sermos fontes do grupo de Villares, en cuxo seo, porén, se está a dar un debate sobre os movimentos a dar. "Luís non tira a toalla e pode aínda facer propostas que eviten a ruptura", afirman.

Que eviten a ruptura agora. Esas mesmas fontes son pesimistas a respecto de que o grupo chegue intacto ao próximo período de sesións.

Nota: Esta información foi emendada ás 14.15 horas.

Comentarios