Grupo Riesgo paga as débedas denunciadas polo comité de empresa

O comité de empresa de Alu Ibérica, antiga Alcoa na Coruña, descobre que o Grupo Riego paga a débeda á Seguridade Social ao día seguinte da súa denuncia
Rolda de prensa do comité diante da Inspección de Traballo (Arquivo-Nós Diario)
photo_camera Rolda de prensa do comité diante da Inspección de Traballo (Arquivo-Nós Diario)

O comité de empresa de Alu Ibérica, antiga Alcoa na Coruña, informa nun comunicado de que o Grupo Riesgo pagou as débedas á Seguridade Social denunciadas no seu día. A representación sindical do cadro de persoal desta empresa explica que a quinta feira 2 de xullo deron a coñecer que o Grupo Riesgo non pagara as cotas de abril da Seguridade Social.

A resposta da compañía foi asegurar, ese mesmo día, que non tiña ningunha débeda e chegou a acusar o comité de "sementar medo e confusión". Presentaba como proba un certificado con esa mesma data onde non existía unha reclamación de débeda e engadía que "Alu Ibérica confirma que todos os pagos coas Administracións e nóminas de persoal están ao corrente, dentro dos compromisos que adquiriu tras a compra das fábricas de Avilés e A Coruña". 

Riego pagou ao día seguinte da denuncia

Desde o comité de empresa afirman que, con información contrastada coa propia Seguridade Social, a empresa  procedeu ao pago das cotizacións o día 3 de xullo e cun recargo de 20% (70.000 euros aproximadamente), "polo tanto non as tiña ao corrente cando acusou o comité de empresa de mentir", sinalan.

A representación sindical de Alu Ibérica afirma que "por moito que lles moleste, seguiremos a denunciar publicamente as trapalladas desta xente e seguiremos a exixir das Administracións galega e española que interveñan a empresa para saber que fixo Alcoa, Parter e o Grupo Riego".

Agardan que este tipo de actuacións "se investigue até as últimas consecuencias e que se depuren todas as responsabilidades". Exixen tamén "que se devolva o ano que nos levan roubado e as cantidades comprometidas" así como "que se leve a cabo o plan industrial acordado que garanta a viabilidade da fábrica e os empregos". 

Comentarios