Os gromos e o reparto dos fondos do Estado, a debate na Conferencia de Presidencias

Ana Pontón insta Núñez Feixoo a que exixa os fondos que merece Galiza e Gonzalo Caballero solicítalle "lealdade" co Executivo español. 
O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, ante os medios (Imaxe: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, ante os medios (Imaxe: Arxina)

A Conferencia de Presidencias convocada por Pedro Sánchez na Rioxa esta sexata feira, 31 de xullo, contará coa asistencia do mandatario galego en funcións, Alberto Núñez Feixoo, que solicitará a elaboración e posta en marcha dunha lexislación sanitaria e dun protocolo de abrochos para todo o Estado. "Non pode haber 12 formas de actuar nunha única nación. Unha cousa é unha nación descentralizada e outra é descoordinada", valorou esta quinta feira, 20 de xullo, Feixoo en relación ao Estado español, ao anunciar os temas que levará á Conferencia de Presidencias. 

O titular da Xunta en funcións tamén pedirá, ao redor do financiamento, que o reparto de fondos do Estado ás comunidades para paliar a crise contemple a realidade galega, sobre todo no que ten a ver co envellecemento poboacional e a dispersión xeográfica da mesma,  cuestións que encarece a prestación de servizos. Con todo, o Partido Popular votou no Congreso a favor dos criterios de repartición dos fondos deseñados polo Goberno español e que ignoraban estas cuestións. Así, a Galiza, resultou discriminada na primeira das catro entregas dos fondos Covid ás autonomías. "Non se pode repetir a repartición do fondo Covid", dixo o dirixente galego, que advertiu de que son "uns criterios do Ministerio que non son compartidos pola inmensa maioría das comunidades" e que "beneficiaron claramente" a dúas comunidades (Catalunya e Madrid, que levan a metade dos fondos).

Pontón marca os deberes de Feixoo na conferencia

A líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao Goberno en funcións de Feixoo "máxima exixencia" co Executivo do Estado para que a Galiza reciba "a parte que lle corresponde dos 140.000 millóns de euros do fondo de recuperación" aprobado pola Unión Europea para afrontar a crise. Pontón criticou que a menos de 24 horas do encontro con Pedro Sánchez "non houbese sobre a mesa" por parte do presidente galego en funcións "ningunha iniciativa en relación a cantos deses fondos debe recibir Galiza, cales deben ser os criterios de distribución entre os diferentes territorios nin sobre que proxectos estratéxicos se queren financiar con cargo a estes recursos". Dese modo, a nacionalista pediu a Feixoo que teña "lealdade coa Galiza" e que manteña "máxima exixencia ante Madrid sen caer na confrontación estéril, porque se trata de conseguir que a Galiza reciba os fondos que lle corresponden". 

Pontón tamén emprazou o popular a apostar por "sacar adiante un acordo de país" coas forzas políticas para defender ante o Estado que Galiza reciba cada euro do que lle corresponde do fondo europeo, porque nesta crise cada euro conta e non pode quedar nada polo camiño”, explicou Pontón.

Caballero pide lealdade co Goberno español

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu a Feixoo que acuda á conferencia con vontade de "cooperar" e que abandone "a liña de confrontación".

Nese sentido, pediu un apoio da Galiza ao Goberno estatal "en todas aquelas medidas que poidan favorecer a defensa da saúde e a construción dun escudo protector" para as persoas con máis vulnerabilidade, dixo. "Recomendamos ao presidente da Xunta que teña lealdade e colabore cun Goberno de España que prioriza a saúde, loitou polos fondos europeos e que drena cara ás comunidades autónomas a maior cantidade de fondos para loitar contra a crise", manifestou Caballero. 

Comentarios