Opinión

Grazas

Levo trinta anos publicando regularmente. Van alá algo máis de trinta libros, medio cento de libros colectivos, varios centos de artigos e/ou columnas de opinión, colaboracións con artistas plásticos, ducias de recitais e intervencións poéticas, varias traducións, case sempre ben acompañado, algúns premios e moitos proxectos aínda por cumprir. 

Levo trinta anos publicando, mais antes dese primeiro libro houbo moitos solpores e alboradas onde fun ensarillando exercicios de estilo. Saiban que o exercicio da literatura non é algo que nos veña dado de nación, senón que hai que traballar moito para acadar un nivel aceptábel no discurso e na forma. O primeiro poema (ou intento de poema) fíxeno, como case todos nós, na pre-adolescencia e na lingua do imperio, que era a única posíbel no ensino naqueles anos 60. Levo pois medio século dálle que dálle a xuntar palabras, a viralas do dereito para o revés e viceversa. Parte deses anos exercitando o estilo e outra parte máis visíbel (no que de visíbel ten a literatura galega dentro e fóra de Galiza) presentándolles os meus traballos. Dende fóra, dende esta posición excéntrica, no senso de afastado do centro (vivo a case 2.000 quilómetros daqueles que me len).

Ser escritor é estar vivo e para iso é necesario ter experiencias e sensibilidade, non só contar a vida propia (que é a tendencia maioritaria ou se o prefiren a que agora está de moda). Dicir que malia a distancia e a as ausencias sigo no empeño, pois a literatura é unha das actividades máis engaiolantes que un poida atopar. 

Levo trinta anos publicando. O tempo pasou nun salaio, nun exilio exterior, nunha batalla constante contra min propio, pois a percepción pública da literatura galega non anima precisamente neste empeño por seguir producindo. 

Dicir tamén que, como tantos de nós, sinto o agarimo duns e a indiferenza dos máis, como corresponde a unha sociedade estruturada no gregarismo e na copia mimética de modos e maneiras estándar. Grazas polo agarimo.

Comentarios