As grandes potencias privatizan o negocio da guerra

O negocio dos mercenarios move arredor dun billón de euros ao ano no mundo.
Blackwater

O negocio global dos mercenarios move arredor dun billón de euros ao ano. Segundo un informe oficial do Congreso de Estados Unidos, o Goberno do presidente Donald Trump asinou en 2017 acordos por un monto de 330.000 millóns de dólares con empresas como Academi, anteriormente coñecida como Blackwater e cun papel chave no operativo militar que continuou á conquista de Iraq en 2003. Nesta ocasión, o obxectivo do contrato era “desenvolver obxectivos de seguridade” en zonas como Iraq, Afganistán e Siria, onde boa parte das milicias que combatían contra o réxime de Bashar al-Asad estaban dirixidas por empregados desta empresa.

Estados Unidos non é unha excepción. Así, por exemplo, o Reino Unido cuadriplicou o orzamento destinado a Compañías de Seguridade Militar Privada (PSMC) entre 2008 e 2012, período no que se disparou o negocio a nivel mundial. Neste liña, a ONG War on Want sinalou que o ano pasado a británica G4S, a maior empresa mundial do ramo facturou máis de 500 millóns de euros só por traballos levados adiante en África. Outro tanto acontece con Defion International, compañía con sede en Perú e oficinas en Doha e Bagdad, que reparte soldados de fortuna de orixe latinoamericano por todo o planeta, cunha presenza importante actualmente en Iemen, en apoio ás forzas sauditas.

Lucro económico e político

Os beneficios económicos e políticos de botar man de mercenarios son evidentes para os Estados. Por unha banda, reducen os custos dun operativo militar a cargo das súas forzas armadas regulares, que segundo a maioría dos expertos representan arredor de 20% máis que unha acción desenvolta por estas compañías privadas, ao ser maiores os gastos de seguridade e menor a súa efectividade de combate. As alzas nos prezos dos dispositivos levados a cabo polos exércitos estatais tamén teñen maior impacto a longo prazo nos orzamentos públicos, xa que obriga a manter uns gastos de persoal máis alongados no tempo.

Os custos políticos de operar con contratistas son claramente inferiores. Os Gobernos líbranse de ter que asumir o malestar da opinión pública diante das vítimas mortais que provocan os conflitos entre os seus compatriotas, ao tempo que eluden responsabilidades legais ou políticas fronte aos abusos, o emprego de instrumentos de combate prohibidos nos convenios internacionais ou a violación dos dereitos humanos. Sen ir máis lonxe, após o escándalo das torturas contra prisioneiros iraquís no cárcere de Abu Ghraib en 2004, Estados Unidos delegou o control da totalidade dos seus centros de detención en Oriente Medio a Academi.

A guerra que se libra en Libia é un paradigma desta nova fase dos conflitos bélicos. Se por unha banda o Goberno do Acordo Nacional con sede en Trípoli e apoiado por Italia, Turquía e Catar bota man de mercenarios empregados en Siria contra o réxime de Bashar al-Asad, o movemento liderado polo mariscal Jalifa Hafter, sostido por Arabia Saudita, Exipto, Emiratos Arabes Unidos e Francia tamén utiliza soldados de fortuna, destacando entre eles os empregados da compañía Wagner Group, unha empresa de nacionalidade rusa e con moi boas relacións co Kremlin.

Os salarios dos mercenarios mudan segundo a función ou a nacionalidade. Así, o Warsaw Insitute sinalou nun informe que os mercenarios de Wagner Group en Libia cobran arredor de 4.500 euros ao mes, 10.000 euros por feridas graves e, en caso de morte, as súas familias reciben aproximadamente 40.000 euros. Porén, a Axencia Efe, nunha reportaxe de investigación, demostrou que a empresa rusa só pagaba aos mercenarios de orixe siria presentes en Libia, 1.500 euros mensuais, 4.000 euros por feridas graves e 10.000 euros en caso de falecemento.

Comentarios