Unha grande ofensiva contra un avanzo: a suba do SMI

O aumento do salario mínimo activouse o 1 de xaneiro e xa foi responsabilizado da destrución de emprego e da ralentización do medre económico. Un discurso de ofensiva mediática, patronal e tamén política que deixa case sen marxe de manobra as voces que sosteñen que, se ben na boa dirección, esa suba é insuficiente. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 338 de Sermos Galiza.

[Imaxe: M. Arrazola] Muller traballadora
photo_camera [Imaxe: Mikel Arrazola] Muller traballadora

mini5O 4 de febreiro fanse públicos os dados do paro rexistrado no mes de xaneiro e axiña a artillería mediática inicia a descarga: a destrución de emprego nese mes ten a ver, factor único no seu relato, coa suba do salario mínimo interprofesional (SMI) pactada nun primeiro momento entre PSOE e Unidos Podemos e que comezou a aplicarse o 1 de xaneiro. Obviábase, nese relato, que xaneiro é tradicionalmente un mes de aumento do paro e que a suba do SMI non se reflicte nas nóminas dese mes. Igual acontece en febreiro.

O SMI aumentou a 900 euros mensuais, un incremento de 22,3%. A base mínima de cotización á Seguridade Social aumenta até 1.050 euros. “Unha máis que boa noticia para, entre outras cuestións, as pensións”, afirman desde os sindicatos.


O incremento dará oxíxeno a máis de 150.000 traballadoras e traballadores na Galiza, unha cuestión nada menor para un territorio que figura como o segundo dos salarios máis baixos de todo o Estado. E quen se beneficiará? Pois nomeadamente en sectores como a hostalaría (10%), comercio (20%), administración e servizos auxiliares (14%), outros servizos (8%).

Desde a patronal, e con importante apoio mediático en Galiza, machacouse nestas semanas que esa suba vai ter “claros efectos negativos na contratación”. Unha liña argumental que a Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) mantén convencida: “Vai repercutir negativamente na competitividade das empresas”, “van aumentar os contratos en negro”, “moitas e moitos mozos van ir ao paro”... 

Ese discurso é rebatido desde as organizacións sindicais. “É incomprensíbel que desde a patronal se estean a dicir esas cousas”, opina Roi Fernández (CCOO). “É ridículo”, manifesta José A. Gómez (UXT), que se pregunta se alguén pode “vivir con 900 euros”. Paulo Carril, secretario xeral da CIG, vai máis alá e defende que esa suba é “insuficiente” e lembra que nestes anos os beneficios empresariais foron en constante aumento mentres os soldos estancaban ou variaban minimamente. 

Dato: en 2017 as empresas gañaron 50.000 millóns de euros máis que en 2008 e repartiron 20.000 millóns máis en dividendos, mentres que a remuneración das asalariadas e asalariados aínda está 10.000 millóns por baixo. 

A Carta Social Europea (CSE) fixa que o SMI debería ser 60% do salario medio do Estado de referencia. No Estado español o soldo medio anda en 2.000 euros. A suba do SMI pois, se ben un avanzo, fica por baixo desa recomendación.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 338 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios