Gran papel do atletismo galego en Ourense

O Campionato de España finaliza con seis medallas para Galiza, dúas delas de ouro.
boa
photo_camera Saleta Fernández, Jean Marie Okutu, Leticia Gil e Belén Toimil, catro das seis medallistas galegas. (Foto: RFGA).

As deportistas galegas non defraudaron ante o seu público e desenvolveron unha grande actuación no Campionato de España de atletismo, que se desenvolveu sobre a pista sintética do recinto de Expourense.

Un total de seis medallas -dous ouros, tres pratas e un bronce-, dous postos de finalistas e catro mellores marcas persoais conforman o balance para Galiza dun campionato que se disputaba en terras galegas por primeira vez nos seus 55 anos de historia. 

Exactamente a metade desas medallas chegaron no foxo de area no que se desenvolveron as competicións de salto de lonxitude, da man de Ana Peleteiro, Jean Marie Okutu e Leticia Gil.

A primeira, gran favorita no triplo salto pese a non ter competido en ningunha competición oficial até ese momento en practicamente cinco meses, impúxose realizando tan só tres saltos válidos, dous dos cales chegarían até os 13,90 metros que lle darían a vitoria.

A atleta de Ribeira, que levaba desde o Mundial de Doha -5 de outubro de 2019- sen competir, foi a gran sensación da competición, e ante un público entregado superou á veteranísima Patricia Sarrapio. Porén, ambiciosa, após a vitoria declarou que agardaba "un pouquiño máis".

Jean Marie Okutu, pola súa banda, ampliou un palmarés que xa o sitúa como lenda vivinte do  salto de lonxitude ao sumar o seu 11º título de campión absoluto. 

Co público de Ourense en pé con cada un dos seus saltos, o galego fíxose coa medalla de ouro por tan só dous centímetros, 7,93 fronte aos 7,91 do alacantino Eusébio Cáceres.

O seu vindeiro obxectivo é todo un reto: superar a súa mellor marca persoal -8,17 metros, datada hai case catro anos- en máis de cinco centímetros, para acadar a mínima para competir nos Xogos Olímpicos de Toquio, estabelecida en 8,22 metros.

Finalmente, Leticia Gil, nada no Barco de Valdeorras e campioa de España en 2019, logrou o bronce diante do seu público a pesar de non estar fisicamente ao 100%, após voar 6,19 metros. Só foi superada por Fátima Diame, que saltou até os 6,47 metros, e Yuliana Elizabeth Ángulo, que alcanzou os 6,39. 

Pratas para Adrián Ben e Belén Toimil

O viveirense Adrián Ben, sexto home máis rápido do mundo na distancia dos 800 metros, sabía que tería un concurso moi complicado, dada a presenza de Mariano García, mais foi unha carreira que se saíu de todos os esquemas previstos.

Porque o mediofondista galego superou a García, o gran favorito, nunha carreira moi lenta, mais tivo que conformarse coa prata por só 12 centésimas, ante a irrupción dun convidado inesperado na loita entre ambos xigantes da categoría, o madrileño Pablo Sánchez.

Belén Toimil -no lanzamento de peso- e Saleta Fernández -en salto de altura- lograron senllas pratas que pecharon o medalleiro galego, que a piques estivo de ampliar Esther Navarrete, que rematou cuarta na proba dos 3.000 metros.

Comentarios