O anarquista estadounidense Noam Chomsky

O gran intelectual disidente fai 90 anos


 

noam chomsky por andrew rusk
photo_camera Noam Chomsky. Foto: Andrew Rusk.

Revolucionou a lingüística e causou dores de cabeza a non poucos gobernos USA. Escribiu ducias de libros, que van da ciencia da linguaxe á intervención conxuntural en política, sempre dun punto de vista radical e emancipador. Anarquista confeso, símbolo da disidencia intelectual e da resistencia contra o capital, Noam Chomsky fai hoxe 90 anos.
 

Os dous últimos de entre os seus títulos políticos son Os descontentos da globalización. Conversas sobre as crecentes ameazas á democracia (o Proxecto Imperial Americano) (2017), elaborado con David Barsamian, e Iugoslavia: Guerra, paz e disolución (2018). A crítica furiosa e informada á xeopolítica dos Estados Unidos é o corazón de non poucos dos seus ensaios.

As súas fundamentais achegas á lingüística comezaron aos 29 anos, cando publicou Estruturas lingüísticas. A partir dese intre elaborou o que denominou “gramática xenerativa” e que partía da existencia dun “órgano da linguaxe” innato nos seres humanos. As implicacións das súas teses están aínda lonxe de se diluír.

Nunhas recentes declaracións ao xornal portugués Público, Chomsky eloxiaba o Goberno portugués -do Partido Socialista e co apoio parlamentario de comunistas e Bloco de Esquerda-, que, entendía, “está a correr razoabelmente ben”.

Comentarios