Feixoo debe explicar "a que intereses serven os seus deputados en Madrid", dixo esta quinta feira en conferencia de imprensa o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, após o PP ter votado conxuntamente con ERC e PDeCAT —e coa parlamentar de En Marea Alexandra Fernández—contra os orzamentos do Goberno Sánchez.
Caballero insta o presidente do PPdeG a que diga "por que aplaudía hai un ano cando o goberno de Raxoi mandou unha carta a cada pensionista galego para anunciar unha suba dun 0,25 por cento e agora di que non a unha suba por riba do nível de vida". Feixoo, insistiu, debe esclarecer "se está servindo a maioría dos galegos ou á estratexia de confrontación" da ultradereita.
A respecto da eventualidade do adianto electoral após o fracaso do proxecto de orzamentos ao seu paso polo congreso, Caballero afirmou: "Estamos preparados, sexan en abril, en maio ou ao final da lexislatura", ao tempo que mostrou a súa convicción de que o PSOE "está en condicións de ser primeira forza" no estado español.