Opinión

Golpe de estado no Brasil

Onte na Cámara dos Deputados do Brasil produciuse un golpe de estado cando dous terzos dos 513 deputados e deputadas votaron a favor da destitución da presidenta Dilma Rousseff.

Este é o terceiro golpe de estado institucional dado en América Latina nos últimos anos; lembremos que en 2009 foi destituído o presidente Manuel Zelaya en Honduras e no 2012 Fernando Lugo no Paraguay, en procesos que gardan moitas  semellanzas co que acontece nestes momentos no Brasil. Xa non é preciso ter militares golpistas na rúa nin aparecen nos momentos posteriores ao golpe militantes da esquerda asasinados; agora as técnicas golpistas son moito máis “civilizadas” e máis efectivas pois as imaxes de sangue derramada daban demasiada mala imaxe.

A votación de onte na Cámara dos Deputados en Brasilia supón unha grande vitoria para unha dereita herdeira da ditadura, que nunca asumiu a realidade de que o pobo por medio do voto decidiu que desde 2003 o estado-continente contara cun goberno progresista, nun primeiro momento dirixido polo histórico dirixente sindical Lula da Silva e posteriormente pola militante de esquerda que foi torturada pola ditadura Dilma Rousseff. Iso era moito para un Brasil paraíso das políticas neoliberais e no que, pese aos moi importantes avances conseguidos nestes anos, seguen a darse unhas grandes desigualdades e discriminacións.

Xa non é preciso ter militares golpistas na rúa nin aparecen nos momentos posteriores ao golpe militantes da esquerda asasinados

As políticas que tiraron da miseria a millóns de brasileiros e brasileiras, os programas sociais, a defensa da soberanía, a solidariedade con Cuba ou coa Venezuela Bolivariana  non podían seguir aturándose, pois eran e son totalmente contrarias aos intereses dos poderosos que sempre dirixiron o país como unha propiedade particular e que se desprazan polo Grande São Paulo en centos de helicópteros que lles permiten non mesturarse cun pobo ao que observan desde as alturas como se de insectos se tratara.

O resultado da votación de onte podemos considerar que supón un camiño sen volta atrás no proceso parlamentar de destitución de Dilma Rousseff dado que o seguinte paso será levar o tema a un Senado no que os apoiantes do goberno están tamén en minoría.

Pero quen coñecemos á esquerda e aos movementos sociais do Brasil sabemos que nesta nova etapa que se abre o PT e os seus aliados fóra do goberno federal non van entregar as bandeiras da loita.

Nesta nova etapa que se abre o PT e os seus aliados fóra do goberno federal non van entregar as bandeiras da loita

Ábrese un período convulso no Brasil, as rúas están quentes e onte nas súas declaracións de voto os partidos de dereita deixaron claro que non estamos só diante dun hipotético caso de corrupción senón diante dunha complexa operación que busca  rematar coa presenza da esquerda no goberno e dar marcha atrás a moitas das medidas postas en práctica nos gobernos de Dilma e Lula, medidas que, non sendo nin moito menos revolucionarias, mudaron en moito a vida do Brasil.

Nos postos de mando do imperialismo na madrugada pasada ouvíanse os berros de alegría, diante do que a todas luces é o máis grande triunfo obtido polo imperialismo en América Latina nos últimos vinte anos dada a posición estratéxica do Brasil na rexión.

O PT, o PCdoB, a CUT, o MST e outras moitas organizacións chaman ao pobo brasileiro a defender na rúa a democracia e 54 millóns de votos fronte ao golpismo, conscientes de que neste momento só un forte e contundente movemento de masas terá posibilidade de manter a loita fronte á dereita golpista.

Comentarios