Os Gobernos catalán e español apostan en afondar no diálogo

Tres horas durou a reunión constitutiva da mesa bilateral de diálogo entre os Executivos catalán e español. Realizouse onte no Palacio da Moncloa e estivo marcada por un "diálogo franco" e "honesto", segundo aseguraron ambas as partes, as cales se comprometeron a reunir a mesa  todos os meses co obxectivo de procurar unha saída dentro da "seguridade xurídica" ao conflito político en Catalunya. 
 
O mandatario catalán, Quim Torra, e o español, Pedro Sánchez, na mesa de diálogo (Imaxe: Europa Press)
photo_camera O mandatario catalán, Quim Torra, e o español, Pedro Sánchez, na mesa de diálogo (Imaxe: Europa Press)

A sede da Moncloa, en Madrid, acolleu onte a primeira sesión da mesa de diálogo bilateral entre o Executivo catalán e o español para a resolución do conflito político en Catalunya. 

As delegacións de ambos os Gobernos acordaron volver reunir a mesa de diálogo unha vez ao mes para procurar posíebeis consensos que se han de formular "no marco da seguridade xurídica", segundo recolle un comunicado conxunto acordado polas dúas partes. Ese texto non fai mención á Constitución española. 

Acordouse tamén que as reunións da mesa se alternen entre Madrid e Barcelona. A próxima será na capital catalá, segundo manifestou o president da Generalitat, Quim Torra, en rolda de prensa após o primeiro encontro de onte.

A delegación catalá e a española salientaron o clima "afectuoso"

Tanto a delegación catalá como a española resaltaron que o debate foi "honesto" e que transcorreu nun clima afectuoso, a pesar das discrepancias. Torra defendeu na mesa que a solución do conflito político pasa polo recoñecemento do dereito de autodeterminación dos pobos e pola amnistía, e lamentou que o Goberno español non se pronunciase sobre estas reclamacións. "Non nos levantaremos da mesa", afirmou ademais o president na rolda de prensa. 

Torra quixo iniciar a súa intervención na xuntanza lembrando que deberían ser Carles Puigdemont, Oriol Junqueras e o resto de presas e exiliadas quen alí deberan estar sentadas. 

Un novo encontro Sánchez-Torra

A reunión de onte chegou após o pasado 6 de febreiro terse celebrado a primeira entrevista entre o presidente do Govern catalan, Quim Torra, e o do Executivo español, Pedro Sánchez. Esa reunión, realizada na sede da Generalitat, en Barcelona, fora o preludio da mesa de diálogo de onte, e nela Sánchez entregou a Torra o mesmo documento que onte o mandatario español volveu tomar como punto de partida para as negociacións. Tal escrito recolle en 44 puntos o camiño que o Executivo central ofrece para resolver o conflito político. 

Porén, xa naquela reunión do 6 de febreiro o president catalán non valorou idónea a oferta de Sánchez, ao entender que os 44 puntos se limitaban a formular cuestións unicamente relacionadas con transferencias. Torra  lamentou que a ese documento que Sánchez voltou a presentar onte non aborde a cuestión central do conflito: o bloqueo que España exerce sob o dereito á autodeterminación e a represión contra líderes políticos e sociais do independentismo. 

As delegacións

A mesa de diálogo naceu do acordo asinado entre a dirección de Esquerra Republicana de Catalunya e o Partido Socialista no marco da investidura de Pedro Sánchez. Foi pois, un dos compromisos que a formación soberanista puxo ao PSOE para desbloquear a gobernabilidade do Estado e permitir a formación dun Executivo de carácter progresista que dependese dos escanos independentistas. 

Porén, a polémica desatouse nos últimos días ao coñecerse a inclusión na delegación catalá da mesa de diálogo de representantes e asesoras do Govern que non forman parte do actual Executivo catalán. Eis o motivo do roce, xa que no acordo se entendía que cada parte estaría composta por membros de ambos os Executivos, cuestión que, de feito, Torra reprochara xa en xaneiro a ERC, pois o mandatario avogaba por ampliar a composición da delegación de Catalunya ás entidades políticas e sociais soberanistas. 

Finalmente, pola Generalitat, e do mundo de Junts per Catalunya, acudiron onte o president Quim Torra, o conseller de Políticas Dixitais e de Administracións Públicas, Jordi Puigneró; a deputada e unha das máximas referentes de Junts per Catalunya, Elsa Artadi; e o ex xefe de gabinete de Torra e do ex president Carles Puigdemont, Josep Rius. Pola banda de ERC, a outra pata xunto a Junts do Govern, acudiron o vicepresident da Generalitat, Pere Aragonés, a deputada e portavoz republicana Marta Vilalta, o conseller de Acció Exterior, Alfred Bosch, e o deputado Josep Maria Jové, investigado pola xustiza polo seu papel no desenvolvemento do referendo de autodeterminación de 1 de outubro de 2017. Torra e Aragonés non forman parte da delegación permanente e só acudirán á mesa cando se trate de ratificar cuestións de calado.

A delegación do Executivo español estivo composta polo presidente Pedro Sánchez e a vicepresidenta Carmen Calvo, ademais de pola portavoz do Goberno, María Jesús Montero; o ministro de Transportes, José Luis Ábalos; o de Sanidade e secretario de organización do PSC, Salvador Illa; a ministra de Política Territorial, Carolina Darias, e o de Universidades, o catalán Manuel Castells. 

Desta maneira, por Unidas Podemos tan só acudiu o profesor Castells, xa que o líder da formación morada e vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, non puido participar ao atoparse doente dunha forte amigdalite. 
 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios